Francisco Conde destaca no salón Fitur a calidade e a unión de tradición e vangarda da gastronomía lucense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta tarde na presentación en Fitur da da décima edición da guía gastronómica …E para comer, Lugo a calidade e a unión de tradición e vangarda da gastronomía lucense.

Conde, que estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou o importante papel que desenvolve a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, que edita a publicación, na dinamización dun sector que configura un dos principais activos turísticos da provincia, e lembrou que a entidade que preside Cheché Real está a celebrar o seu corenta aniversario.

O conselleiro resaltou que “se como galegos facemos bandeira de Galicia Calidade, que hoxe representa a máis de 300 produtos de 84 empresas certificadas, o …E para comer, Lugo é o lema dos lucenses”, animando a visitar a provincia.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia destacou que esta guía conta cunha gran tradición en Lugo e serve para que tanto turistas como visitantes poidan coñecer de primeira man os grandes atractivos da provincia entre os cales resaltou a enogastronomía, o termalismo, o Camiño de Santiago e o patrimonio natural e cultural. “Estas páxinas gastronómicas, ademais de mostrar un amplo abanico de produtos culinarios serven á vez para dar a coñecer os recursos que esconde a provincia lucense”, sinalou.

Nava Castro afirmou que toda esta ampla oferta turística atrae cada ano a un gran número de turistas a cidade lucense. “Á espera dos datos de decembro, o pasado ano aloxáronse nos establecementos hostaleiros desta cidade preto de 142.500 viaxeiros, un 16,2% máis que no mesmo período de 2015”, engadiu.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou “a excelente calidade” dos produtos da provincia: carnes, leite ou verduras procedentes das explotacións agrarias e peixes das lonxas de Celeiro e Burela, que “unidos á profesionalidade dos nosos restauradores crean auténticas obras de arte gastronómicas”.

Neste sentido, apuntou que a gastronomía é un puntal dentro da oferta global que reúne a provincia de Lugo, “un valor engadido ao turismo de praia, actividades de montaña, rutas de sendeirismo, enoturismo, visitas culturais e aos numerosos recursos que acompañamos dunha paixase sen igual”.

18 de xaneiro de 2017 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.