publicidade hoxe

Finalizadas as obras de rehabilitación de cinco escolas unitarias en Zas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaZas
A-
A+

O concello de Zas vén de rematar as obras de rehabilitación das antigas escolas unitarias de Romelle, Zas, Muiño, San Cremenzo e Carreira, financiadas polo Plan de Acción de Social (PAS) da Deputación da Coruña.

A institución provincial que preside Valentín González Formoso achegou un total de 64.257 euros co obxectivo de mellorar as condicións de habitabilidade das instalacións, con medidas de aforro enerxético, impermeabilización ou illamento, para que os veciños das parroquias poidan facer uso destes espazos públicos.

Neste sentido, o alcalde de Zas e deputado provincial, Manuel Muiño, destacou que a reforma das antigas escolas unitarias permite reforzar a rede de centros sociais nas parroquias do concello, albergando actividades coma ximnasia terapéutica e actos e reunións da veciñanza que dinamicen a vida social e cultural nas zonas máis rurais.

Noutros casos, estes inmobles utilízanse para ofrecer servizos básicos aos veciños, coma a gardería ubicada na antiga escola de Zas.

Melloras no illamento e nas cubertas de San Cremenzo e Carreira

A Deputación financiou con 33.964 euros as obras de mellora nas antigas escolas unitarias de San Cremenzo e Carreira, que actualmente fan as funcións de local social para os máis de 200 veciños de cada unha destas parroquias.

A escola unitaria de San Cremenzo presentaba graves deficiencias, debido á ausencia de illamento e ás filtracións tanto na cuberta coma nas fachadas. Para remediar estas carencias, que imposibilitaban o uso da planta baixa, instalouse un panel de imitación á tella de 50 milímetros de espesor, sobre correas de viguetas de formigón e creouse unha drenaxe perimetral.

Así mesmo, reparáronse os desprendementos e zonas oxidadas das armaduras, e protexéronse con cemento para evitar a súa corrosión.
En canto ao interior, demoléronse os anexos e tabiques interiores para deixar unha sala diáfana e substituíronse ás carpinterías por outras novas de PVC.

A escola unitaria de Carreira tamén presentaba problemas de filtracións e un deterioro nos soportes da cuberta, polo que foi necesario instalar unha nova cuberta con tella cerámica curva, colocada sobre placas de fibrocemento. Tamén se instalaron canalóns e baixantes para evitar futuras filtracións.

Os traballos en ambos edificios completáronse co lavado e o revestimento das fachadas con pintura de resina de silicona e un tratamento contra o mofo e as humidades.

Novos revestimentos exteriores en Romelle, Zas e Muiño

As antigas escolas unitarias de Romelle, situada na parroquia de Loroño, Zas e Muiño foron obxecto doutro proxecto financiado polo Plan de Acción Social da Deputación cunha achega total de 30.293 euros.

Os tres centros educativos presentaban carencias similares, que afectaban ao illamento, o revestimento e a pintura das fachadas. Para solventalos, mellorouse a estanquidade dos edificios tratando as fachadas con morteiro acrílico nas fisuras e imperfeccións. Posteriormente, aplicouse un revestimento de pintura de resina de silicona.

No caso da escola de Romelle, tamén se substituíu a cuberta, que presentaba numerosas filtracións, por unha nova que garante un correcto illamento do inmoble. Así mesmo, os fondos provinciais permitiron remodelar a planta baixa, instalando un baño accesible e cambiando a plaqueta por baldosa de gres porcelánico antideslizante. As obras completáronse coa renovación da instalación eléctrica, a iluminación da sala e as portas interiores.

25 de xaneiro de 2017 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.