publicidade hoxe

Ferrol xestionará a EDAR de Cabo Prioriño ata que a mancomunidade asuma a explotación do saneamento da marxe dereita da ría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O concello de Ferrol continuará explotando a EDAR de Cabo Prioriño ata que en xaneiro de 2018 a Mancomunidade se faga cargo da explotación do sistema de saneamento da marxe dereita da Ría de Ferrol. O acordo tomouse durante unha reunión celebrada en Santiago e na que participaron o director de Augas de Galicia e os alcaldes de Ferrol e Narón, Jorge Suárez e José Manuel Blanco.

As tres administracións asinarán un convenio de colaboración para garantir o saneamento durante este período de transición e os custos de explotación serán asumidos en todo caso, polos concellos con cargo as súas tarifas municipais de saneamento e depuración.

Por outra banda, o rexedor ferrolán confirmou que a depuradora non comezará a funcionar a pleno rendemento ata abril deste ano, cando esperan dar por finalizadas as tramitacións con AcuaEs, que permitirían a posta en servizo dos colectores xerais executados pola entidade estatal. Neste sentido, Jorge Suárez confirmou que acaba de remitir a AcuaEs a documentación requirida e que fai referencia ao compromiso orzamentario municipal.

O titular de Augas de Galicia valora positivamente o compromiso do Concello de Ferrol e mantén a esperanza de que as augas residuais poidan conducirse por fin cara a EDAR de Cabo Prioriño, evitando os vertidos contaminantes no interior da ría.

Por último, o alcalde de Ferrol comprometeuse a remitir o antes posible a documentación solicitada por Augas de Galicia para axilizar a licitación das obras de saneamento da Ensenada da Malata. Se o concello cumpre os seus compromisos, a Administración Hidráulica cree posible estar en condicións de licitar as obras durante este primeiro semestre do ano.

13 de xaneiro de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.