Ferreiro asina en Fitur un convenio de colaboración co seu homólogo en Sevilla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra en Madrid, un convenio de colaboración co seu homólogo en Sevilla, Juan Espadas, que ten como obxectivo o establecemento de liñas xerais de colaboración entre os entes Turismo da Coruña e Turismo de Sevilla, “para o desenvolvemento de posicionamentos de marca e imaxe dos destinos combinados”. “As accións que se porán en marcha no marco deste acordo irán encamiñadas a potenciar o incremento de novos e novas turistas en ambas poboacións, algo que tamén redundará en beneficio económico”, destacou o rexedor. Ambas cidades están conectadas por unha conexión aérea dende o aeroporto de Alvedro que realiza, de media, cinco enlaces semanais.

“As liñas de colaboración que estableceremos baséanse fundamentalmente en promocionar a oferta turística de ambas as dúas cidades”, explicou o primeiro edil coruñés, que salientou que se levarán a cabo talleres de traballo con profesionais do sector turístico, así como presentacións da oferta das urbes. Ao fío, tamén se realizará un traballo de divulgación e promoción da conexión aérea entre ambos destinos, e accións promocionais da oferta gastronómica propia a través da marca Saborea España, plataforma da que forman parte ambos concellos. A vixencia deste convenio será dun ano, prorrogable por un segundo. A realización de accións concretas de promoción instrumentaranse por medio de acordos específicos. Ambas cidades, por medio dos seus rexedores, acordaron elaborar un plan de traballo conxunto para a concreción de prazos de actuación, así como unha comisión de seguimento.

Por outro lado, o alcalde –acompañado do concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e a da xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud–, que hoxe presentou tamén a oferta turística da Coruña en Fitur, mantivo tamén reunións tanto co presidente do Clúster de Turismo de Galicia como con profesionais do sector na cidade.

18 de xaneiro de 2017 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.