publicidade hoxe

Feijóo ratifica o compromiso do Goberno para que os concellos galegos conten cun planeamento urbanístico actualizado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+
Feijóo no acto de sinatura da aprobación do PXOM de Mos

Feijóo no acto de sinatura da aprobación do PXOM de Mos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ratificou hoxe o compromiso da Xunta para que todos os concellos galegos conten cun planeamento urbanístico actualizado.

Durante o acto de sinatura da aprobación definitiva do PXOM de Mos, Feijóo avogou por un urbanismo con principios, ordenado, transparente e fundamental para dar seguridade, riqueza e benestar aos cidadáns. “Por iso aprobamos unha nova Lei do solo”, lembrou, incidindo en que o novo texto garante que os concellos poidan dispoñer dun planeamento urbanístico ao recoller a creación dun Plan básico autonómico, para ordenar os 33.000 núcleos de poboación que existen en Galicia.

Así mesmo, o documento establece a figura dos plans básicos municipais, aos que poderán recorrer os concellos de menos de 5.000 habitantes sen planeamento e axiliza os tempos da tramitación dos informes que son necesarios para a elaboración do Plan xeral de ordenación urbana.

Logo de facer fincapé no esforzo da Xunta cara á universalización dos plans xerais de ordenación municipal, Feijóo asegurou que, co seu PXOM, Mos aterra de cheo no século XXI, xa que ata agora se rexía por unhas normas subsidiarias de 1992. “Este plan xeral dará máis futuro a Mos, máis capacidade para a instalación de empresas e máis valor para as vivendas”, precisou, ao que engadiu que os principais beneficiarios serán os veciños. Non en van, aceptáronse seis de cada dez das alegacións que se presentaron.

Cómpre salientar tamén que o documento recolle o crecemento dos núcleos rurais de 39 a 119, ademais de achegar seguridade xurídica ás empresas que operan no concello.

Feijóo concluíu afirmando que o PXOM de Mos supón un bo exemplo de urbanismo centrado nas persoas, xa que a esta filosofía responden as súas liñas mestras, como por exemplo: a creación dun sistema viario que vertebre os solos urbanos de norte a sur e os núcleos rurais e de nova creación de leste a oeste; a concentración de futuras zonas de crecemento; a consolidación do núcleo das Pozas como centro cívico do municipio; a conservación do medio natural, especialmente en zonas como os montes de Galiñeiro e Galleiro e ao longo do río Louro; a recuperación do patrimonio cultural e arqueolóxico do concello; e a creación de novas zonas verdes en lugares como A Portela, As Pozas, Monte e Campo de Eiró.

“Con este PXOM Mos abre as portas do seu futuro, porque os concellos que teñan plan xeral terán futuro, seguridade e riqueza económica e os que non o teñan terán o seu futuro limitado”, aseverou.

18 de xaneiro de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.