Ethel Vázquez avánzalle ao alcalde de Betanzos a licitación neste trimestre das obras de rehabilitación de tres edificios no casco vello da vila
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzoulle hoxe ao alcalde de Betanzos, José Ramón García, a licitación neste primeiro trimestre das obras de rehabilitación de 3 edificios de propiedade da Xunta de Galicia no casco vello da vila, para as cales solicitou licenza municipal o pasado mes de novembro. A recuperación destas tres edificacións, situadas nas rúas Clérigos 13, da Cerca 9 e da Cerca 13 permitirán a habilitación de 8 vivendas e tres locais comerciais.
Segundo lle informou a conselleira ao alcalde na xuntanza que mantiveron mañá, o Goberno galego prevé investir un total de 1,3 millóns de euros na rehabilitación destes tres edificios. No edificio da rúa Clérigos 13 acadarase una vivenda pública e un local comercial; na rúa Cerca, 9 obteranse outras dúas vivendas de promoción pública e 1 local, e no número 13 desta mesma vía construiranse 3 vivendas de promoción público e un local comercial.
Esta actuación enmárcase no desenvolvemento do programa Rexurbe, co que a Xunta traballa na recuperación de cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas, como é o caso de Betanzos, mediante a adquisición e rehabilitación de edificios degradados para destinalos a vivenda social.
Ademais, na xuntanza de hoxe, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodreiro, a conselleira informou ao alcalde de Betanzos da oportunidade que suporá para esta vila a lei de cascos históricos que o Goberno galego está a elaborar co obxectivo de favorecer a recuperación e dinamización económica e social de enclaves como o de Betanzos.