Dan comezo as obras da residencia universitaria da Coruña
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a vicepresidenta, Goretti Sanmartín; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o deputado da área de Patrimonio e Contratación da institución provincial, Xesús Soto, visitaron esta mañá o centro Calvo Sotelo, onde hoxe comezaron os traballos de remodelación das instalacións, que acollerán a futura residencia pública universitaria” da Coruña.
Acompañados por responsables da empresa OHL, que se encargará da execución das obras e de técnicos dos servizos de Arquitectura da institución provincial, a comitiva percorreu parte da ala do edificio que albergará as novas habitacións para estudantes universitarios.
Valentín González Formoso subliñou o importante esforzo inversor que realiza a Deputación para facer realidade este proxecto, cunha achega de preto de 1,8 millóns de euros para a reforma integral dun total de 88 habitacións, das que 60 darán servizo á residencia universitaria, permitindo o aloxamento de 120 estudantes. O presidente considerou que o comezo inmediato das obras, que teñen un prazo de execución de nove meses, “permitirá a posta en funcionamento da residencia durante o vindeiro curso académico, dando resposta así a unha necesidade histórica da cidade da Coruña”
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, destacou que “vinte e cinco anos despois da constitución dos órganos da Universidade da Coruña, a apertura da Residencia Universitaria Elvira Bao vén saldar dúas débedas, unha coa cidade universitaria que é a Coruña e outra coa memoria dunha mestra que viviu neste mesmo barrio e foi represaliada polo seu compromiso coa liberdade”. Goretti Sanmartín afirmou que a nova residencia “completará o mapa de equipamentos da Coruña que deixa de ser a única cidade sede de Universidade que carece de residencia pública”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, agradeceu á Deputación o apoio para que a UDC dispoña ao fin dunha residencia pública e lembrou que será a institución académica a que se encarge do equipamento e a xestión da mesma. “Intentaremos que o proceso de equipamento sexa o máis rápido posible, unha vez rematen as obras”, apuntou o reitor que lembrou que a UDC manterá as axudas para residencia dos seus estudantes e estimou o custe mensual dunha praza na mesma entre os 80 e os 100 euros mensuais.
Acondicionamento de 88 habitacións dobres
As obras repartiranse en dúas fases, dotadas con 680.496 e 1.080.461 euros, respectivamente, durante as cales se reformarán as 60 habitacións dobres situadas na primeira e segunda planta, e habilitaranse un mínimo de 28 máis. Estas 88 dependencias terán unha superficie aproximada de 20 metros cadrados, contando con armarios empotrados e baño propio con dous lavabos, ducha e retrete, segundo explicaron esta mañá os técnicos durante a visita ás instalacións. Os traballos inclúen tamén a demolición dos baños comunitarios actuais e a súa transformación en zonas comúns de convivencia, ocio e traballo.
As actuacións financiadas pola Deputación tamén incluirán a reforma integral das instalacións de calefacción, iluminación, ventilación, fontanería e saneamento. Para mellorar a eficiencia enerxética, renovarase a caldeira e instalarase un panel solar de 2 metros cadrados.
Así mesmo, acometeranse melloras na accesibilidade do edificio coa incorporación dunha rampla de acceso e a adaptación do ascensor, garantindo a circulación das persoas con mobilidade reducida. Ademais, o proxecto contempla a creación dun novo acceso ao edificio desde a praza situada ao este, fronte ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT).
Tamén se construirá unha nova escaleira de evacuación lateral e disporanse os equipos e instalacións adecuados para facer posible o control e a extinción de incendios, así coma a transmisión da alarma aos ocupantes, para que poidan abandonar ou alcanzar un lugar seguro dentro do edificio en condicións de seguridade. Entre estas medidas, atópanse a instalación dunha rede de detectores de incendio de tipo óptico, bocas de incendio e novos extintores.











