publicidade hoxe

Cubela pecha un acordo para mercar a Casa do Pobo de Corredoira e cedela aos veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal Portada
A-
A+

O presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, finalizou a súa axenda oficial de día e medio en Madrid pechando un acordo co Goberno central para adquisición da Casa do Pobo do Corredoira, que forma parte do Patrimonio do Estado despois de que fora incautada polo réxime franquista aos veciños desta parroquia.

Cubela mantivo na xornada de hoxe unha xuntanza con José Antonio Sánchez Quintanilla, que desempeña a oficialía mayor encargada da xestión das propiedades e bens sindicais no Ministerio de Empleo, e presentoulle a tasación encargada polo Concello a un perito externo e que cifra o valor do inmoble en 12.000 euros. A proposta foi aceptada polo representante do executivo central e contrato de compravenda asinarase nas vindeiras semanas.

Deste xeito, a Casa do Pobo de Corredoira pasará a ser propiedade municipal nun prazo curto de tempo e o Concello procederá á súa rehabilitación integral no marco do Plan de Centros Veciñais 2019, impulsado polo goberno local para dotar a todas as parroquias de Cotobade dun recinto social en perfectas condicións na presente lexislatura. Tras a realización destas obras formalizarase a cesión do uso e disfrute destas instalacións a prol da asociación veciñal, coa que Cubela está coordinando todo este proceso.

“Estou moi satisfeito da actitude do Goberno central, xa que demostra que actúa na defensa dos intereses xerais ao tempo que demostra a súa sensibilidade cos veciños de Corredoira. Ademais, trátase dunha decisión moi funcional para todas as partes, xa que ninguén vai coidar e utilizar tanto esa Casa do Pobo como os propios veciños”, explicou Cubela, que garantíu que, tan pronto como o inmoble sexa de titularidade municipal, procederase a avaliar as obras necesarias e comezará o proceso administrativo para a mellora integral do local.

“Creo que estamos cumprindo, a moi bo ritmo, co noso obxectivo de dotar a todas as parroquias dun centro social en condicións para as súas actividades. Tras as recentes actuacións en Borela, e Rebordelo, agora tocaralle o turno a Corredoira, Augasantas e a Casa do Emigrante de Carballedo para tentar poñer a guinda co novo local de Tenorio”, enumerou Cubela.

31 de xaneiro de 2017 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.