Covadonga Toca destaca o emprego e a formación como piares esenciais para seguir avanzando na inclusión dos máis vulnerables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Xornada de traballo EnREDa2. Foto: C. Paz

Xornada de traballo EnREDa2. Foto: C. Paz

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na xornada de traballo EnREDa2 que forma parte do programa Yo me prep@aro co que a Fundación Down Compostela e a Fundación Vodafone imparten formación a persoas con Síndrome de Down en Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación co obxectivo de mellorar as súas posibilidades de inserción laboral nas empresas ordinarias.

Toca puxo en valor esta iniciativa que busca poñer en contacto a empresarios da zona e mozos e mozas con Síndrome de Down para que coñezan de primeira man as súas habilidades e os beneficios que conleva a inserción laboral das persoas con discapacidade.

A responsable de Emprego indicou que o Goberno galego comparte todos os obxectivos marcados neste programa porque considera ao emprego como “unha ferramenta esencial” para avanzar no camiño da inclusión destacando que a formación e capacitación é tamén un piar fundamental.

Por iso, explicou que a Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, reforza este ano este ámbito e inclúe medidas específicas para apoiar a integración laboral e calidade no traballo das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social. Neste senso, detallou que o Goberno galego conta con axudas específicas para incentivar a contratación por conta allea dos colectivos con maiores dificultades de inserción como son os apoios para a integración laboral na empresa ordinaria e o de emprego con incentivos por cada contratación que poden acadar un máximo duns 10.562 euros, en función da modalidade contractual e do destinatario da axuda.

Así mesmo, sinalou que a Xunta traballa cos centros especiais de emprego impulsando a súa posta en marcha e mantemento das súas instalacións e axudándolles a afrontar os custes salariais dos seus traballadores.

En definitiva, apuntou que o Goberno galego traballa polo emprego inclusivo procurando unha maior achega do emprendemento das persoas en situación de vulnerabilidade reforzando as súas capacidades e habilidades e ofrecéndolles novas oportunidades laborais.

Por último, apelou a colaboración de todos os axentes implicados na inclusión laboral dos que máis o precisan como son as administracións públicas, as entidades privadas e as empresas.

12 de xaneiro de 2017 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.