publicidade hoxe

Cores Tourís visita en Lalín o obradoiro de emprego destinado a albanelería e carpintería “Rivero Social”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o obradoiro de emprego “Rivero Social” de Lalín que ten como obxectivo a formación en Albanelería e Carpintería.

O delegado territorial estivo acompañado polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.

Cores Tourís comprobou o avance na formación dos alumnos, e recordou que o obxectivo deste obradoiro é a contratación de desempregados que ademais de recibir un soldo adquiren unha formación teórico-práctica que lle permite acadar un certificado de profesionalidade co fin de obter unha mellor inserción laboral.

Deste xeito, o obradoiro “Rivero Social Lalín” está dedicado a dúas especialidades: Instalación de Elementos de carpintería con 8 alumnos e Operacións Auxiliares de Revestimentos Continuos en Construcción, con outros 12. Ademais, o obradoiro conta cun director, unha titora e dous docentes.

A aportación da administración autonómica é de 180.000 euros e os alumnos aproveitarán a formación para realizar prácticas que permitirán aportar unha labor social ao municipio, xa que levarán a cabo a rehabilitación de 6 antigas vivendas de mestres do CEIP Manuel Rivero deste municipio que serán posteriormente destinadas a familias en exclusión social ou en risco de padecela.

Este obradoiro ten unha duración de seis meses e durante o periodo de formación a Xunta financiará o soldo dos participantes e a súa contribución á Seguridade Social, así como o dos docentes e o dos administrativos que xestionan o proxecto.

En total, a provincia de Pontevedra contou con 29 obradoiros. “Cinco destas iniciativas corresponderán a obradoiros para menores de 25 anos que xa, o ano pasado, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu Cores Tourís.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano máis de 18 millóns de euros aos obradoiros de emprego, incluíndo esta cantidade unha liña de apoio específica aos menores de 30 anos para mellorar a súa inserción laboral. Destes programas mixtos de formación e emprego, cos que se poden acceder aos certificados de profesionalidade, poderán beneficiarse preto de 2.000 desempregados.

A posta en marcha destas iniciativas ven a demostrar a importancia da colaboración institucional entre administracións, que permite poñer en marcha importantes proxectos que loitan contra o desemprego. De feito, Cores Tourís recordou que “Galicia está consolidando a súa recuperación económica porque o ano 2016 acabou con menos paro e cun crecemento nas afiliacións á Seguridade Social e na contratación indefinida e a tempo completo, medrando a contratación en Xeral un 7,55% ao longo do ano pasado”.

“Por cuarto ano consecutivo logrouse reducir o número de persoas sen emprego nun mes de decembro, datos que sitúan á Comunidade galega en niveis inferiores aos de hai 7 anos”, explicou, insistindo que levamos 3 anos de baixadas do paro consecutivas na evolución anual, “un paro que, ademais, diminuíu nos colectivos prioritarios cos que traballa a Xunta como son os menores de 30 anos (-15,97%), os parados de longa duración (10,86%) e as mulleres (8,54%)”. Na provincia de Pontevedra, a diminución foi dun -9,48%.

“Aínda que temos que ser prudentes”, engadiu o delegado territorial, “as previsións para 2017 son boas, e estimamos dende a Xunta que é posible a creación de 20.000 novos postos de traballo para o que incrementamos os orzamentos en xeral nun 15%, apostando incentivo do emprego, para o que se destinarán 44,6 millóns de euros, incrementando nun 21,6% os programas de formación como este obradoiro de Lalín”.

Visita institucional

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, aproveitou a visita ao obradoiro para manter un encontro co alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, de cara a analizar as demandas do municipio en relación á administración autonómica.

Neste senso, o rexedor e o responsable territorial estiveron analizando temas relativos á melloras en centros educativos, estradas e saneamento.

O delegado territorial anuncioulle a Rafael Cuíña o investimento durante o presente ano de máis de 2 millóns de euros nas cinco concentracións parcelarias vivas no municipio (Santa Baia de Losón, Vilatuxe, Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto, Cercio, e Val Bermés-Sello) onde se executarán melloras nos camiños principais e secundarios. Entre as cinco concentracións beneficiaranse 3.200 propietarios que contan na actualidade con 20.500 parcelas sobre unha superficie total de 6.500 hectáreas. “A Consellería de Medio Rural é consciente da importancia que a tramitación da parcelaria ten en comarcas como esta do Deza, onde a superficie destinada á gandería é moi notable”.

De feito, Cores Tourís destacou que a Xunta está a priorizar o avance das concentracións parcelarias das zonas máis produtivas, tanto a nivel vitivinícola como gandeiro, “e o Deza non só é a comarca gandeira por excelencia da provincia de Pontevedra senón tamén unha das máis importantes de Galicia neste ámbito económico”.

Sobre a mesa tamén falaron do novo sistema de financiamento das Escolas Infantís dependentes do Consorcio de Igualdade e Benestar, así como da necesidade de mellora de colexios como o de Prado, obras nas que o concello de Lalín está disposto a colaborar a través de convenios coa Consellería de Educación.

O alcalde de Lalín tamén solicitou ao delegado territorial que mediara para axilizar unha nova entrevista co conselleiro de Sanidade de cara a poder analizar a situación do proxecto do CAR. A maiores, entregoulle un dossier co proxecto de execución de novas pequenas depuradoras e fosas sépticas que quere poñer en marcha nas parroquias e para o que solicita colaboración económica da administración autonómica.

Finalmente, tamén pediu a colaboración da Xunta para poñer en marcha un plan de emprego, executar pasos de peóns en estradas autonómicas ao seu paso polo casco urbano e contar con algún proxecto de senda peonil dentro do Plan de Sendas da Consellería de Medio Ambiente.

Pola súa banda, o delegado territorial informoulle de que a administración autonómica segue a traballar para atopar unha nova ubicación para o centro comarcal de Medio Rural. “Como xa dixemos noutras ocasións, somos conscientes da necesidade que ten este departamento de contar cun novo edificio, pero temos que volver a atopar un local axeitado tras quedar deserta a oferta anterior”.

11 de xaneiro de 2017 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.