publicidade hoxe

Continúa o proceso de negociación dos orzamentos entre Goberno municipal e Ames Novo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Na segunda xuntanza do grupo de traballo para a negociación dos orzamentos municipais, na que participaron os tres voceiros dos grupos políticos que conforman o goberno local (PSdeG, Contigo Pódese e BNG) e máis a voceira e o concelleiro encargado da área económica de Ames Novo, Pilar Candocia e Quique Costas; avanzouse no proceso que debe levar á configuración dos orzamentos e para o que ambas partes teñen fixada como data límite o 17 do mes de febreiro.

Por parte dos representantes do Goberno expuxéronse as propostas centrais para as áreas de Servizos Sociais e Emprego, áreas que se definen como prioritarias. Asemade, achegouse información sobre o gasto de persoal comprometido e a evolución do mesmo na última década.

Pola súa parte, Ames Novo solicitou que se aporten os datos globais de gasto comprometido, ademais de en persoal, nos capítulos de gasto corrente e financeiros, coa fin de poder contemplar a imaxe global da situación orzamentaria de xeito que permita abordar a distribución por capítulos, previa ao desglose pormenorizado.

Tamén se puxeron sobre a mesa por parte de Ames Novo partidas que, ao seu xuízo, é imprescindible que se contemplen dentro deste orzamento como son: a inclusión dunha cantidade necesaria para iniciar a elaboración dun regulamento de orzamentos participativos que, se ben non se poderán desenvolver dentro deste exercicio, é preciso iniciar para a súa progresiva implantación. Propúxose, tamén, que se contemplen ambas partidas destinadas á elaboración do estudo de viabilidade preceptivo para a remunicipalización do servizo de auga e saneamento, e outra destinada a garantir a posta en marcha dunha Renda de Garantía Mínima municipal.

Catastrazo no rural

Por outra parte, abordouse como reverter no rural o resultado do incremento de ingresos municipais froito do “catastrazo” da Lei Montoro. Neste punto os representantes do Goberno expuxeron que están pendentes que a Deputación da Coruña lles traslade a información solicitada do recadado por este concepto. A proposta do Goberno é a de destinar nestes orzamentos preto de 300.000 euros adicionais a investimentos no rural durante este ano, dos que 132.000 se definirá a súa finalidade nun proceso participativo xa anunciado ás Asociacións de Veciños do rural, e outros 150.000 se destinarán a obras de saneamento e abastecemento que consideran unha prioridade. Por parte de Ames Novo plantexouse que se teña en conta o total dos ingresos que se xeran por este impacto da subida do IBI no rural e que se materialicen nun plano bianual que contemple ben obras a facer en cada un dos dous exercicios ou outras que sexan tamén de execución nos dous anos. Con isto salvaríase a cuestión das liquidacións diferidas para as arcas municipais, garantindo ao mesmo tempo a posibilidade de investir en proxectos para as parroquias do rural a totalidade dos mesmos.

31 de xaneiro de 2017 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.