Continúa o proceso de expurgo e retira máis de mil caixas de expedientes dos xulgados de Pontevedra e Vigo
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín destacou hoxe que o Goberno galego continúa co proceso de expurgo retirando máis de 1.000 caixas de expedientes de documentación xudicial procedente dos Xulgados de Pontevedra e Vigo.
Juan José Martín, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou esta mañá o depósito habilitado no edificio administrativo de Campolongo para actuacións relacionadas coa organización dos arquivos xudiciais e o expurgo, onde hoxe mesmo, foron trasladadas un total de 363 caixas de documentación xudicial do Xulgado do Social nº1 de Vigo.
A semana que vén continuará o traslado de expedientes xudiciais, acadando así a retirada dos Xulgados en Vigo e Pontevedra de 47.471 expedientes. A documentación permanecerá gardada neste depósito á espera de que a Xunta de Expurgo determine a súa eliminación definitiva ou a conservación naqueles casos nos que esteamos a falar de documentos con interese histórico.
A Dirección Xeral de Xustiza está levando a cabo diversas iniciativas para desconxestionar os arquivos xudiciais. Entre estas actuacións destaca a habilitación deste local en Pontevedra, no edificio da delegación Territorial da Xunta, en Campolongo, que conta con preto de 500 metros cadrados e unha capacidade para unhas 25.000 caixas de expedientes.
Ademais de aquí, outra parte da documentación procedente doutros xulgados da provincia se está a gardar nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública, organismo dependente da Vicepresidencia da Xunta.
Pontevedra, a provincia máis avanzada
O proceso de expurgo é unha firme aposta do actual Goberno e que se está a levar a cabo de xeito progresivo en toda Galicia, sendo a provincia de Pontevedra un dos sitios onde vai máis avanzado. Trátase dun proceso complexo e laborioso que non sería posible sen a colaboración dos distintos axentes xudiciais, especialmente dos funcionarios dos distintos xulgados que teñen realizado o traballo previo de gravame dos expedientes.
Grazas a este labor, estase gañando espazo nas sedes xudiciais, e ao mesmo tempo conservando adecuadamente os documentos que teñen valor histórico e facilitando o acceso á documentación nos arquivos xudiciais.











