Concello e UdC traballan nun proxecto cooperativo da UE para a posta en marcha de estratexias de naturalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Presentación do proxecto Connecting

Presentación do proxecto Connecting

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta mañá na presentación do proxecto Connecting , no que participan 29 entidades de toda Europa, entre cidades e institucións, e que está suxeito a fondos europeos. O Goberno local, xunto á Universidade da Coruña, desenvolverá na cidade este programa de carácter colaborativo, que ten como obxectivo a posta en marcha, de forma participativa e implicando a todos os sectores económicos e sociais, de estratexias de naturalización urbana que sirvan “para mellorar a calidade de vida nos barrios e da veciñanza”. “Este proxecto aposta por estender a natureza na cidade, e facelo un xeito participativo, implicando tanto á cidadanía como aos distintos sectores sociais, pasando por empresas, start ups e centros de investigación. O obxectivo é crear inercias que se manterán ao longo do tempo, en colaboración coa Administración”, destacou o rexedor, quen nun acto no que estivo acompañado, entre outras persoas, pola concelleira de Medio Ambiente, María García, e polo reitor da UDC, Julio Abalde, salientou a cooperación necesaria con esta entidade. “Estamos encantados de poder iniciar un novo plan colaborativo coa Universidade. Volvemos a ir da man nun proxecto que redundará na mellora da calidade de vida da cidadanía demostrando que a UDC é un dos principais activos da Coruña”, explicou.

Ademais do Concello da Coruña e da UDC, no citado proxecto participan, entre outras, cidades como Glasgow (Reino Unido), Pozan (Polonia), Genk (Bélxica) ou Bolonia (Italia), ademais de centros de investigación de renome internacional como o Trinity College de Dublin ou a Humboldt, de Berlín. O proxecto Connecting ten unha duración de cinco anos e está dotado de máis de 11 millóns de euros, a repartir entre os 29 socios do mesmo. “Deste montante, o Concello da Coruña recibirá 320.000 euros para o seu desenvolvemento”, incidiu o primeiro edil, quen manifestou o compromiso da Administración Local de “buscar financiamento para cometer as inversións que se consideren necesarias”.

Recoñecemento aos proxectos ‘naturalizados’ da cidade

Para este proxecto, o Concello pretende aproveitar e poñer en valor iniciativas de naturalización da cidade xa postas en marcha polo actual Executivo municipal, como é o caso do Plan de Expansión de Arborado -polo que destinará este ano 40.000 euros a implantación de máis zonas verdes naqueles barrios onde exista demanda das mesmas-, o proxecto das Hortas Urbanas Comunitarias -polo que acaban de poñerse tres novos espazos a disposición da cidadanía no parque de Carlos Casares-, o Plan de Restauración de Humedais e Ríos -que se concreta, por exemplo, con actuacións como a mellora do estanque de Eirís, ou os traballos de naturalizacións dos ríos Pastoriza e Quintas-, e as actuacións de protección de áreas de alto valor ecolóxico -como é o caso do procedemento para a declaración das Illas de San Pedro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), que tamén se estenderá ao entorno de Punta Herminia-. De feito, A Coruña foi unha das cidades europeas seleccionadas para participar nesta convocatorias de axudas precisamente polos proxectos postos en marcha polo Concello nesta liña.

A través do programa Connecting , o Concello coruñés elaborará unha estratexia Masterplan sobre o intercambio de boas prácticas, o mapeo das iniciativas de naturalización existentes e as persoas e entidades chamadas a colaborar con esta iniciativa. O proxecto establece un prazo de 18 meses para esta primeira fase. “O obxectivo que nos marcamos é deseñar, de forma participada coa cidadanía a través do intercambio de experiencias dentro dunha rede europea de cidades e centros de investigación, unha estratexia e unha guía de boas prácticas para a implantación destas solucións de naturalización”, comentou Ferreiro, quen destacou que esta iniciativa europea coincide “coa liña política que está a desenvolver o Goberno local”. “Ademais de ser un proxecto baseado na naturalización urbana e a conservación da biodiversidade, que busca mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, tamén é un proxecto que avoga pola innovación e a participación social, xa que se basea no impulso de iniciativas cidadás vinculadas coa natureza”, comentou.

Pola súa banda, o reitor da UDC, Julio Abalde, destacou o traballo de investigación nesta liña que desenvolve a Universidade. “Para nós este proxecto ten unhas importantes características simbólicas. A Universidade estará sempre disposta a traballar por esta sociedade co Concello”, insistiu, para destacar que a súa institución está a facer “un importante esforzo” para ser un referente en principios de sostibilidade e eficiencia enerxética.

24 de xaneiro de 2017 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.