Comezan en Pontevedra os obradoiros de prevención de condutas adictivas nos institutos
A Concellaría de Benestar Social Municipal pon en marcha a vindeira semana os obradoiros de prevención de condutas adictivas nos institutos de educación secundaria da cidade nos que participaron 3.041 escolares no pasado curso. Estes obradoiros intégranse nas accións no ámbito escolar que desenvolve o Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas do Concello en colaboración coa Consellería de Sanidade.
Os primeiros centros en recibir este programa son o IES Valle Inclán, IES Frei Martín Sarmiento, IES Xunqueira I, IES Torrente Ballester e o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. Posteriormente o programa continuará no resto de centros educativos aos que queremos agradecer a súa colaboración para que este programa se poida desenvolver dende hai casi 20 anos.
Nestes obradoiros, dirixidos fundamentalmente á poboación estudiantil entre 1º a 4º da ESO (tamén se fan en ciclos de FP) trabállanse tanto adiccións a substancias como tabaco, alcohol, cannabis… como outras adiccións comportamentais (mal uso das novas tecnoloxías).
Cada grupo recibe unha formación de 4 sesións de 50 minutos de duración adaptadas a súa idade, onde se desmontan mitos, analízanse os patróns de consumo e as estratexias publicitarias das diferentes marcas, traballando as consecuencias do consumo e reforzando a actitude crítica con respecto ao consumo para facer fronte á presión grupal.
Cada vez colle máis importancia o traballo sobre o mal uso das novas tecnoloxías debido a distorsións que provocan no funcionamento escolar e familiar.











