Comezan as obras de mellora do alumeado público nas rúas Xazmín e no Parque Rosalía, en Ares
A Deputación da Coruña, a través do Plan Social (PAS) de axuda aos concellos, destina 188.002,61 euros para a substitución do alumeado público de varias rúas no concello de Ares e os traballos de mellora nos accesos á Praza de Ramón García, do Porto do Sol, do Camiño de Salgueiras- Chanteiro, do Camiño da Rega e Pomouro, entre outras actuacións.
Unha das apostas desta intervención é a substitución do alumeado público en varias rúas na vila de Ares, que comezarán mañá martes 31 de xaneiro, para a que se destina unha partida de 21.424,29 euros.
Neste senso, a previsión é reducir nun 70% o gasto enerxético. O custo anual experimentará un aforro de 6.412 euros, pasando dos 9.132 euros e un consumo actual de 60.880 KW/h aos 2.720 euros e 18.133 KW/h, despois da execución das obras.
Os traballos abarcan o reemprazo das lámpadas de vapor de sodio por novas luminarias de LED na rúa Xazmín e no Parque Rosalía, situado no porto da vila. O obxectivo é reducir as operacións de mantemento e acadar unha maior eficiencia enerxética nestas rúas, así como unha mellor visibilidade para o tráfico de vehículos.
Outra das actuacións, cun investimento de 32.730 euros, terá lugar nos camiños da Rega e Pomouro, que actúan como vías principais de comunicación entre o núcleo rural e o casco urbano, onde se executarán os traballos de limpeza nas marxes da vías, a rehabilitación dos muros, a instalación dunha varanda de protección e a posterior sinalización e pavimentado das calzadas. Ademais, repararase a fonte neste núcleo rural, que manifesta un importante deterioro.
O proxecto tamén contempla a intervención de mellora do acceso a Porta do Sol, que xa está rematada, e a instalación de marquesiñas de autobús nos lugares de Pezoas, Alto de Simou e na Praza de Ramón García, que nestes intres, atópase en proceso de execución. Ambas actuacións supoñen un investimento conxunto de 70.206,85 euros.
No lugar de Chanteiro, onde se realizará a mellora dos accesos a Praza de Ramón García, e dos camiños de Salgueiras-Chanteiro, por un valor de 29.750 euros, as obras teñen como obxectivo optimizar a circulación e manobra de autobuses que comunican Chanteiro con Ares. Deste xeito, demolerase e acondicionarase a rotonda central da praza, a instalación de pluviais, a pavimentación e limpeza das marxes dos camiños.
A través destas intervencións, a Deputación manifesta o seu compromiso cos concellos da provincia para impulsar os núcleos rurais, mellorando así as condicións de vida dos veciños, a través da optimización dos servizos.