publicidade hoxe

Comezan as obras de construción de sendas peonís en dous tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por Muxía e Santa Comba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMuxíaSanta Comba
A-
A+

A Deputación da Coruña comezou as obras de construción de dúas novas sendas peonís nas estradas provinciais DP 5604 de Outes a Pereira por Pesadoira e DP 5201 de Muxía a Toruiñán pola costa ao seu paso polos concellos de Muxía e Santa Comba, uns tramos que coinciden co Camiño de Santiago e que carecen na actualidade de beiravías peonís, o que obriga aos peregrinos a transitar pola plataforma da estrada, co consecuente risco de accidentes.

As obras, adxudicadas á empresa Excavaciones Roberto SL por 207.088,23 euros, teñen un prazo de execución de cinco meses e que suporán unha importante mellora das condicións de seguridade destes tramos do Camiño tanto para os numerosos peregrinos que cada día transitan por esta xacobea como para os veciños da zona.

A estrada DP 5604 contará cunha senda de dous metros de ancho pola marxe esquerda, entre os PK 15+870 e o 16+220, pavimentada con lastre artificial mistura bituminosa en quente. Baixo a senda instalarase un sistema de drenaxe de pluviais con rede de tubaxe de PVC reforzada con formigón e sumidoiros cada 25 metros. Como separación da senda peonil e o carril bici contiguo á estrada, pintaranse novas marcas viais, con resaltos no tramo máis próximo á estrada e dispositivos de captación de faros tipo “ollo de gato”.

Na DP 5201, o proxecto contempla a construción, tamén pola marxe esquerda, dunha senda de dous metros de ancho que discorrerá entre os PK 1+130 e 1+780 coas mesmas características que a anterior.

Estas obras enmárcanse no proxecto para construír diversas sendas peonís en estradas provinciais que forman parte do tramo Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago, segundo afirmou o deputado responsable da área de Vías e Obras da institución provincial e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, que destacou que estas accións “contribuirán a facer máis cómodo e seguro o cada vez máis transitado Camiño da Costa”, que foi unha das principais apostas da institución provincial durante a recentemente celebrada Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur).

24 de xaneiro de 2017 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.