Comeza un ano cheo de retos para o Santiago Futsal

A tarde do día 2 de Xaneiro bota a andar un novo ano para o primeiro plantel do Santiago Futsal. Tras finalizar o 2016 salvando un punto sobre a campá ante Jaén P.Interior (3-3), abonándose ás remontadas de manual con porteiro-xogador, esta tarde retomarán as sesións de traballo pensando no seu rival do sábado, Peñíscola RehabMedic (Municipal de Peñíscola, 18h). Os santiagueses comezarán un novo ano no que os obxectivos principais pasan por asinar a permanencia en Primeira sen apuros, e alzar a Copa Xunta de Galicia; a que sería a oitava para as vitrinas da entidade compostelá.

A primeira das probas neste novo ano para o equipo que dirixe Santi Valladares terá lugar este sábado na pista do Peñíscola RehabMedic, equipo que se asenta na sexta posición da táboa e que aínda non ten asegurado o pase a Copa de España. Os composteláns, duodécimos, buscarán asinar a primeira vitoria do ano nunha pista que se lles dá particularmente ben (Dous empates 4-4 15/16, 1-1 13/14 e unha vitoria 3-5 14/15).

Con todo, será a segunda semana do ano a de maior esixencia para o cadro santiagués, con dous partidos en 4 días. Recibirá no Fontes do Sar a Plásticos Romero Cartagena o martes día 10 ás 21h na que será a última xornada da primeira volta, unificada para todos os encontros. Repetirá como local o venres desa mesma semana, 13 de Xaneiro, ante Jumilla B. Juan Gil (Fontes do Sar, 20.45h). E pechará o mes de xaneiro como visitante na pista do Gran Canaria FS  o sábado 21 de Xaneiro.

Quedará pendente por disputar o encontro correspondente a semifinais da Copa Xunta de Galicia, título que anhela conseguir por segundo ano consecutivo. O ano pasado superou a Burela P.Rubén na final (2-5) nun agónico partido celebrado no Fontes do Sar que comezaron perdendo e remontaron na segunda metade. Este ano terán que superar a Noia FS de 2ªB para facerse cun oco na final do prestixioso trofeo autonómico, do que os brancos son líderes en palmarés, con sete trofeos, dous máis que o segundo da lista, Prone Lugo FS con cinco.

2 de xaneiro de 2017 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.