publicidade hoxe

Cinco equipos dos IES de Bertamiráns e do Milladoiro participan na xornada de formación do Club de Debate en Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesTeo
A-
A+

O Concello de Teo acolleu esta mañá unha xornada de formación preparatoria do Club de Debate. Un total de 67 rapaces e rapazas de oito equipos dos concellos de Ames, Teo e Vedra, estiveron na Casa Común dos Tilos para traballar na preparación da fase de concurso desta competición impulsada polos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos. A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o 10 de marzo a fase local onde debaterán cinco equipos de Ames e catro de Santiago de Compostela.

Nos Tilos reuníronse cinco equipos de Ames, dous do IES de Bertamiráns e tres do Milladoiro; un do IES de Cacheiras e dous do CEIP de Vedra, que participan convidados polo Concello de Teo. O principal obxectivo desta xornada era un primeiro contacto e coñecemento entre os/as participantes, ademais de explicarlles a dinámica e o regulamento da actividade nesta edición. A maiores tamén se lle deron consellos sobre a procura de información e a preparación de documentación para o debate así como recomendacións sobre habilidades comunicativas.

Na xornada fixéronse tres grupos e cada un deles participou nos tres espazos nos que se dividiu a formación: o coñecemento do regulamento, as habilidades comunicativas e a busca de información. Ademais da propia convivencia entre os equipos o máis interesante foi a simulación do debate, como principal adestramento para as diferentes fases de concurso. 

Este ano, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o venres, 10 de marzo, a fase local do Club de Debate, onde debaterán un total de nove equipos (cinco equipos dos institutos Ames e catro dos IES de Santiago de Compostela). O tema de debate para esta primeira fase xa está escollido é será: Debemos acoller persoas refuxiadas.

A última fase celebrarase en Santiago o 6 de maio e os equipos que cheguen a ela terán que debater sobre O futuro da lingua está na mocidade. Os gañadores dos debates de cada fase terán premios de 500 e 300 euros, mentres que o equipo gañador da xornada final gañará unha viaxe dunha fin de semana para todo o grupo.

O Club de Debate é unha iniciativa na que participan os seguintes concellos: Oleiros, Carballo, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Negreira, Rois, Dodro, Ames e Teo-Vedra. O Club de Debate chega este ano á sétima edición e naceu para fomentar o uso do galego entre a mocidade.   

30 de xaneiro de 2017 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.