publicidade hoxe

Centros de ensino de Culleredo, Coristanco e Muros gañan os premios “Concepción Arenal” pola igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCoristancoCulleredoMuros
A-
A+

O C.R.A Culleredo na modalidade de Educación Infantil, o CEIP Canosa Rus de Coristanco en Educación Primaria e o IES Plurilingüe Fontexería do concello de Muros en Educación Secundaria son os tres centros gañadores dos Premios “Concepción Arenal” que convoca a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero que dirixe a deputada Ánxela Franco.

Un xurado composto pola Doutora do departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña, Ana Sánchez Bello, o presidente da Asociación Sociopedagóxica Galega, Xoán Costa e a Técnica de Servizos Sociais da Deputación da Coruña, Paula Filgueiras e presidido pola Deputada da área, Ánxela Franco, escolleron os tres proxectos gañadores da nova edición do Premio Concepción Arenal para proxectos educativos.

O C.R.A. Culleredo, do concello de Culleredo co seu proxecto “Son Eu!” resultou gañador na modalidade de Educación Infantil. O xurado optou por este proxecto ao ter en conta a “boa adaptación das actividades que presentan para as distintas idades, a implicación do alumnado, profesorado e as familias no proxecto, a súa metodoloxía de aprendizaxe por proxectos, a detección da necesidade da contorna no que está situado o centro, a coherencia na descrición das accións e actividades cos obxectivos marcados, e a proxección das mulleres de Culleredo”.

Na modalidade B, á que se presentaron proxectos de Educación primaria, o gañador é o CEIP Canosa Rus, do concello de Coristanco, co seu proxecto “Cambiando a perspectiva no rural” do que o xurado recoñeceu a súa orixinalidade e a “interesante relación entre os distintos niveis, a claridade das accións e dos obxectivos, a implicación das actividades na contorna e a variedade de participantes do centro. Destaca a vinculación das actividades ás competencias curriculares”.

Finalmente, na modalidade C de Educación secundaria, o proxecto gañador foi o presentado polo IES Plurilingüe Fontexería do concello de Muros, titulado “NOS TAMÉN NAVEGAR”. O xurado ten en conta que este proxecto “fala claramente de feminismo, moi contextualizado na situación actual das mulleres e propón actividades a desenvolver con facilidade para o alumnado”. Destaca tamén a presentación do proxecto baseado na experiencia de anos de traballo da Comisión de Igualdade do Instituto. “Pretenden promover un diálogo interxeneracional entre as alumnas e as mulleres adultas da contorna”, explica o xurado.

O Premio Concepción Arenal quere recoñecer o compromiso e a implicación dos centros educativos públicos á hora de promover a igualdade e a loita contra a violencia de xénero.

Ao concurso pódense presentar proxectos educativos que procuren o “desenvolvemento de habilidades para a identificación e o rexeitamento de estereotipos sexistas que contribúen a xerar e manter a violencia de xénero, así como a construción de esquemas alternativos que axuden a comprender e respectar a igualdade de oportunidades real entre sexos”. O premio consiste en 5.000 euros por cada unha das modalidades.

26 de xaneiro de 2017 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.