publicidade hoxe

Catro padeeiros do Tudense prepáranse en México

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTui
A-
A+

Roi Rodríguez, Rubén Millán, Gabriel Campo Pavón e Aarón Diéguez, todos eles padeeiros do Kaiak Tudense, atópanse adestrando en México. Os catro foron convidados por Othon Díaz, o deportista dese país que estivo varias semanas traballando en Tui. A eles débese engadir Sebas Delgado, o hispano uruguaio que é a última incorporación do equipo tudense. Todos eles atópanse preparando a presente tempada, que comezará oficialmente coas primeiras regatas no mes de febreiro, pero que terá as súas citas máis importantes no verán.

A pista Virgilio Uribe, a mesma na que se disputaron os Xogos Olímpicos de México en 1968, é o escenario onde estarán os tudenses durante tres semanas. Xa cumpriron a primeira. Todos mostran a súa satisfacción polo lugar onde realizan a preparación. Son adestramentos que se realizan a máis de 2.000 metros de altura sobre o nivel do mar, xa que a pista atópase en México capital.

O Kaiak Tudense aceptou a invitación de Othon Díaz para vivir unha nova experiencia. Esteban Alonso, o adestrador do equipo, afirma que “sempre tivemos a inquietude de adestrar nesas condicións. Presentouse unha oportunidade que consideramos moi interesante”. Engadiu que “os padeeiros van realizar un gran esforzo e despois comprobaremos se mereceu a pena”.

Os deportistas levan unha intensa tempada de preparación que se iniciou no pasado mes de setembro. Algún deles xa participou nalgunha competición, como a Ocean Race, unha proba de kaiak de mar que gañou Roi Rodríguez. Este tipo de regatas non son a súa especialidade, pero demostrou o seu talento e tamén as súas ganas de competir.

A concentración de tres semanas en México terá continuidade en Tui. Os compoñentes do Kaiak Tudense teñen esta tempada grandes desafíos. Para Roi Rodríguez, Gabriel Campo Pavón e Rubén Millán as súas miradas están postas no Campionato de Europa e tamén no Mundial. O primeiro deles disputarase a mediados do mes de xullo en Plovdiv (Bulgaria). A cita mundialista será en agosto en Racice (República Checa). Tamén teñen a intención de participar nalgunha Copa do Mundo. A iso débese engadir os campionatos de España de inverno, en marzo en Sevilla, e o de verán, en xullo.

Roi Rodríguez mantén a súa aposta polo K-1 1.000 metros, unha especialidade na que brillou de maneira notable nos últimos anos. Gañou o título mundial sub-23, tamén en K-4, e ademais xa ten experiencia nun mundial sénior. Gabriel Campo Pavón e Rubén Millán forman equipo no K-2 1.000 metros. Demostraron a súa calidade en numerosas probas internacionais e quedaron a un paso de poder participar nos Xogos Olímpicos.

Os obxectivos conxuntos do Kaiak Tudense para a presente tempada volven ser ambiciosos. Gañar o Campionato de España, a liga de Pista Hernando Calleja, a Copa do Rei e afrontar as competicións internacionais tanto de pista como de maratón son algúns dos retos dun esixente calendario. Ademais, organizará o tradicional Descenso do Miño no mes de agosto.

25 de xaneiro de 2017 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.