publicidade hoxe

Campo Lameiro recibirá case 400.000 euros do Plan Concellos da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano 2017 máis recursos ao Concello de Campo Lameiro no marco do Plan Concellos. Deste xeito, a vila recibirá un total de 363.723,85 €, 2.275,95 euros máis que en 2016, ano no que xa rexistrou un 17,5 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 53.842,74 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Campo Lameiro recibirá outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Campo Lameiro un total de 488.643,43 euros (unha media de 258 € por habitante), dos cales 361.447,90 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 29.000 € en mobilidade, 21.000 € en cohesión social e xuventude, 22.000 € en cultura e lingua, 19.000 € en fomento do emprego, 6.000 € no impulso do deporte e outros 2.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 280.122,12 € para o acondicionamento dos locais de Chanciña, obras de mellora na contorna rural, o acondicionamento da beirarrúa da rúa Bernardo Sagasta e a zona húmida artificial para o tratamento de augas residuais, e a fase final do saneamento de Paredes. Ademais, grazas á liña 4, creáronse 12 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 81.325,78 €.

Á marxe do Plan Concellos 2016, Campo Lameiro recibiu 21.805,46 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con máis de 20 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como axudas á rehabilitación e á sinalización do patrimonio histórico-cultural e á memoria histórica e as axudas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 20.685,90 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (con catro usuarios e usuarias) ou ben mediante os programas “En ruta coa Depo” (do que gozaron sete asociacións), “Depo en marcha” e “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron tres nenas e nenos do Concello.

Do mesmo xeito, Campo Lameiro recibiu 6.004,51 € para o deporte federado de base, a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, diversas actividades deportivas e as dúas DEPOrte Escolas, de fútbol e patinaxe, así como 18.845,76 € para o fomento do emprego a través do Plan de práctica laboral, que permite que dúas persoas estean a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Campo Lameiro. Tamén se achegaron 1.778,70 euros para o fomento da igualdade, a través do programa “Conectadas 2016”, e outros 28.682,57 € en materia de mobilidade, en concreto para as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.

3 de xaneiro de 2017 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.