As propostas de Ourense en Común en materia fiscal converteranse en realidade na ordenanza do IBI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Esta mañá os diferentes grupos municipais mantiñan unha xuntanza de traballo coa concelleira responsable en materia de facenda e recadación do Concello de Ourense, Ana Morenza, na que se informaba da intención do Partido Popular de acometer unha reforma fiscal modificando as diferentes ordenanzas reguladoras de impostos municipais.

Na primeira acción, o equipo de goberno pretende comezar por unha rebaixa no Imposto sobre Bens Inmobles, unha ordenanza á que só Ourense en Común presentou emendas, que foron aceptadas na súa maioría segundo informan os servizos técnicos do Concello, e que por tanto serán recollidas na nova ordenanza.

Deste xeito, o grupo minoritario da corporación é quen de plasmar nunha ordenanza a súa política fiscal, confírmándose o seu traballo en positivo desde a oposición, defendendo as necesidades da veciñanza e conseguindo chegar a acordos que van favorecer un financiamento municipal máis ético e sustentable para todas as veciñas.

As emendas que o grupo propuña no mes de novembro servirán para mellorar esta ordenanza con mecanismos de crédito xustos, desenvolvendo unha política fiscal equitativa, na que prime o social, incluíndo bonificacións, cotas progresivas en función da renda ou facilidades no pago do imposto.

Lei Montoro

A propósito da reforma fiscal integral que se pretende levar cara adiante en 2017, novamente o equipo de goberno do Partido Popular no Concello de Ourense culpabiliza da súa impotencia á coñecida como Lei Montoro e ao Teito de Gasto, normas ideadas polo seu propio partido. Porén non é quen de solicitarlle formalmente e ao seu grupo en Madrid unha modificación da mesma, como Ourense en Común solicitaba en pleno no pasado.

Queda pois esta reforma fiscal pendente dunha nova xuntanza na que se definan as posibilidades reais de regatear esta regra de gasto, que non fai máis que provocar que todas as veciñas de Ourense sufran as consecuencias dos despilfarros doutros concellos gobernados polo propio PP, como é o caso de Valencia, ou doutros culpables en boa medida de que esta norma inxusta e nada equitativa estea hoxe enriba da mesa.

26 de xaneiro de 2017 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.