As oficinas “SmartPeme” da provincia de Pontevedra acollen máis de 30 obradoiros en febreiro
As oficinas SmartPeme da provincia, situadas nos concellos de Pontevedra, Vigo, Ponteareas, O Porriño, Cambados e Lalín, acollerán durante todo o mes de febreiro un total de trinta e un obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.
Dos obradoiros organizados en febreiro, seis celebraranse na oficina de Vigo, e cinco respectivamente en Pontevedra, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín. En Ponteareas o programa empeza hoxe mesmo co obradoiro “Xestión da túa empresa: facturación e ferramentas integradas”, mentres que o xoves as oficinas de Vigo e Porriño ofrecen o curso “Comercializa os teus servizos a través das redes sociais”. O luns terá lugar en Cambados o primeiro obradoiro desta oficina en febreiro, baixo o título “Xestiona o teu negocio dende o móvil”; o xoves día 9 será o turno de Pontevedra con “Como crear unha app e non morrer no intento”; e o venres 10 celebrarase en Lalín “Redes sociais para a empresa: é Twitter a túa solución?”. Podes consultar aquí o programa íntegro de febreiro en todas as oficinas.
Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se están pondo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.











