As obras de acondicionamento do punto limpo comezarán a vindeira semana
O luns arrancan as obras de acondicionamento e mellora do Punto Limpo programadas pola Concellería de Medio Ambiente co obxectivo de optimizar o funcionamento do servizo municipal emprazado en Pinar do Rei. O Concello destina a esta actuación 57.596 euros e a sobras serán executadas pola empresa Caldevergazo que xa se desprazou estes días ás instalación para realizar os traballos previos de replanteo dos terreos.
As obras fináncianse a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial de Pontevedra para o ano 2016 e foron propostas polo concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, que ao acceder ao cargo comprobou o precario estado no que se atopaba o servizo municipal tras a escasa atención prestada nos anos do anterior goberno e a ausencia total de actuacións correctoras levadas a cabo neses anos.
O proxecto deseñado polos técnicos municipais prevé a construción de 4 novas tolvas que proporcionarán maior capacidade de almacenamento e unha separación máis minuciosa. Estas novas tolvas situaranse na parte posterior ás cinco existentes e para dar acceso ás mesmas aos vehículos de depósito e de recollida, tamén está previsto o acondicionamento da explanada posterior, actualmente de terra, mediante a execución dunha nova soleira. Parello a isto vai a construción dunha rede de drenaxe.
Aparte das obras, o proxecto contempla outras medidas tendentes a valorizar e xestionar os residuos de construción, cerámicos e de porcelana de pequena sobras domésticas que se foron acumulando xuntos nos últimos anos. Os traballos consistirán na separación e clasificacións dos residuos co obxecto de enviar a centros de tratamento autorizados os materiais de cerámica e porcelana. Os outros valorizaranse mediante un proceso de triturado e peneirado en distintos grosores, coa finalidade de ser reutilizados en obras municipais.
Por último, os residuos que non poidan ser reutilizados, retiraranse e poranse en mans de xestores autorizados, conforme establece a lexislación vixente.











