As melloras do novo contrato de limpeza dos colexios públicos inclúen cláusulas ambientais e criterios para garantir a estabilidade laboral do persoal
A Concellería de Xustiza Social e Coidados vén de asinar, esta mesma semana, o novo contrato de limpeza dos 28 centros de educación públicos da cidade, que funcionará desde o vindeiro luns e durante catro anos –prorrogable outros dous– nos 26 centros de educación infantil e primaria (CEIP), o centro de educación especial Nosa Señora do Rosario e o centro público de educación e promoción para persoas adultas Eduardo Pondal. Tal e como fai notar a concelleira Silvia Cameán, responsable da área municipal de Educación, o novo contrato –por un importe de 1,283 millóns de euros anuais– incorpora melloras, tanto de tipo social e laboral como tamén ambientais, e supón para o Concello un aforro de 213.000 euros durante o seu período inicial, pese a incrementar a prestación ata as 2.158 horas e media de limpeza semanal (distribuídas entre os 28 centros). “A nosa prioridade é garantir as condicións salariais e de estabilidade laboral do persoal, ao tempo que se presta un servizo de calidade nun espazo tan sensible como son os colexios, por iso darmos prioridade á contratacións a tempo completo”, indica a responsable municipal. A concelleira destaca os criterios ambientais que se incorporan, coa premisa de utilización exclusiva de produtos ecolóxicos de limpeza –con etiqueta ecolóxica comunitaria ou equivalente–. Tamén, en materia de responsabilidade ambiental, o prego pauta “unha xestión adecuada dos residuos sólidos urbanos”, con separación en orixe e con depósito nos colectores públicos apropiados.
O servizo inclúe a limpeza diaria das dependencias e espazos integrados nos edificios escolares, incluíndo comedor escolar e pistas polideportivas pechadas, con especial incidencia nas zonas de aseos e lavabos, ademais de tarefas semanais –limpeza de espazos deportivos, parques e xogos infantís, ou patios, con atención, durante o outono, a aspectos como a recollida das follas caídas, entre outras cuestións–, mensuais e trimestrais –limpezas xerais–. Realizarase de forma diaria, de luns a venres, entre as 18.00 e as 22.00 horas (como máximo), aproveitando a conclusión da xornada lectiva no centro, e poderá ser completada. Entre outras novidades, Cameán incide na creación dunha bolsa de 380 horas de limpeza semanal adicionais “para atender a necesidades puntuais nos centros ou para reforzar o servizo onde se precise” e alude igualmente ao puído periódico dos solos interiores, que se incorpora a petición dos centros.











