As exposicións sobre Castelao e a reapertura das Ruínas de San Domingos incrementan as visitas ao Museo de Pontevedra nun 30%
O Museo de Pontevedra contabilizou no ano 2016 o mellor dato en canto a afluencia de visitantes dos últimos anos, rematando o exercicio cun total de 107.478 visitas. Se ben é certo que o maior número de visitantes está directamente ligado á reapertura das Ruínas de San Domingos, tamén é salientable que as exposicións temporais do Sexto Edificio experimentaron un incremento do 45,7% con respecto ao 2015. En total foron 48.123 as persoas que visitaron as mostras temporais, cuxo eixo fundamental foron as dúas grandes exposicións programadas para conmemorar o Ano Castelao: ‘Castelao Artista’ e ‘Meu Pontevedra’, que centraron a programación entre o 1 de abril e o 11 de setembro.
“Á vista destes datos, estamos traballando na boa dirección para converter a este Museo nunha referencia, xa non só a nivel provincial senón a nivel galego e internacional” asegurou Xosé Leal tras coñecer o balance. O deputado nacionalista engadiu a este respecto que “procuraremos nun ano tan importante como é o 2017, o Ano do Patrimonio, visualizar que este Museo alberga unha das coleccións máis completas e valiosas para comprender a cultura galega a través de toda a súa historia, desde a arte castrexa ata os tempos actuais”.
En canto á asistencia a actividades complementarias das exposicións e actos propios do Museo o número de persoas asistentes ascendeu a 15.888, o que supuxo un incremento do 14,8% con respecto ao 2015. Resultaron especialmente exitosas as actividades programadas en relación a Castelao para público infantil, como foi a presentación da guía de Os Bolechas con 155 persoas, a representación en versión monicreques de ‘Os vellos non deben de namorarse’ a cargo de Fantoches Baj con 643 asistentes en diferentes pases; e a celebración da Noite dos Museos a carto da Escola Superior de Arte Dramática con 300 persoas.
Por meses, destaca considerablemente o número de visitantes correspondente ao mes de agosto que ascende a 30.503 coincidindo coa reapertura das Ruínas de San Domingos, que volveron estar a ser visitables a partires do 3 de agosto, xusto na data na que se cumprían os tres anos do incidente que obrigara ao seu peche. Á recuperación deste espazo histórico e tan simbólico do conxunto de edificios que conforman o Museo de Pontevedra, hai que sumarlle a reapertura da Sala de Investigación. Este espazo, que tamén permanecera tres anos pechado, abriu de novo as súas portas, no Edificio Fernández López, o 7 de xaneiro do pasado ano.
Carlos Valle, como director técnico da institución, congratúlase “ante todo polo que se fixo durante o exercicio” e cita expresamente a reapertura da Sala de Investigación e das Ruínas de San Domingos así como a programación de exposicións temporais, e “en segundo lugar, pola destacada repercusión que iso tivo na cidadanía, con este incremento tan significativo, en comparación co ano anterior, do número total de visitantes”. Carlos Valle remarca a súa valoración engadindo que este 2016 “foi coroado, ademais, pola concesión ao Museo dunha distinción particularmente valiosa no noso ámbito territorial de referencia como é o Premio da Cultura Galega no apartado de Patrimonio Cultural”.
Ademais das actividades propias, o Museo tamén cedeu o uso dos seus espazos, fundamentalmente o Auditorio e o espazo acristalado da planta baixa, a entidades, particulares e asociacións da cidade e da provincia. No seu papel de ofrecer un marco de encontro, formación, promoción e dinamización da cultura, entendida esta na amplitude de disciplinas artísticas que a conforman, o Museo acolleu un total de 70 actividades promovidas por entidades externas.











