As escolas infantís de Compostela celebran o Día da Paz cun encontro en Salgueiriños
O alcalde, acompañado polo concelleiro Manuel Dios, participou na actividade e encargouse de dar lectura ao Manifesto do 30 de xaneiro.
As Escolas Infantís Municipais celebraron de xeito conxunto o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, cun encontro no centro de Meixonfrío-Salgueiriños.
A actividade, na que participaron o alcalde e o concelleiro de Educación e Cidadanía, serviu para poñer en valor o traballo que se desenvolve ao longo de todo o ano nas escolas de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños en torno aos principios da paz, a cooperación e a solidariedade na procura dun clima de harmonía, convivencia e respecto entre iguais.
A actividade desta mañá comezou cun encontro dos nenos e nenas das tres escolas infantís municipais, acompañados dos seus profesores e profesoras e das familias que así o desexaron. Os cativos e cativas crearon un mural co mensaxe “Paisaxe da Paz”, e as nais e pais formularon os seus desexos pola paz.
O alcalde, Martiño Noriega, foi o encargado de ler o Manifesto pola Paz e a non Violencia, no que o Concello amosa o seu compromiso coa Paz, os dereitos Humanos e a Non Violencia “nun momento no que, por desgraza, moitas persoas sofren as consecuencias da inxustiza, da guerra, da fame, da persecución ou da violencia en calquera das súas formas”. O manifesto tamén fai un chamamento ás institucións públicas “para que todas elas, na medida das súas posibilidades, poñan en marcha plans e actuacións, e as reformas xurídicas e lexislativas necesarias para facilitar o acollemento das persoas refuxiadas que moi preto das fronteiras da Unión Europea viven en condicións inhumanas”-
O acto pechouse cunha solta de globos e pombas, grazas á colaboración do Club Colombófilo “Alas de Compostela”. A parte musical da actividade correu a cargo dos trombonistas Víctor M. Collazo e Daniel Ruibal, da Escola Municipal de Música de Santiago.
Concerto da Escola Municipal de Música
Precisamente, a Escola Municipal de Música súmase este ano á celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, cun concerto que se celebrará esta tarde na súa sede, a partir das 19.15 horas.
O concerto correrá a cargo da profesora de violín da Escola, Loida Díaz, e de Brais Calles, como músico invitado. Nel poderanse escoitar pezas de Bach, Ligety, ou Stravinsky.











