publicidade hoxe

As comisións informativas previas ao pleno tratan temas de índole económico e deportivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames celebrou o pasado venres, 20 de xaneiro, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de xaneiro. Nestas comisións informativas abordouse a ampliación do pavillón do Milladoiro, a compatibilidade para exercer un segundo posto de traballo no sector público solicitado por unha traballadora municipal, unha proposta feita polo goberno municipal sobre medidas urxentes en materia de réxime local e reinversión do superávit, e unha moción do grupo municipal de Ames Novo para a implantación de medidas para o control e eliminación do amianto.

Nas comisións informativas previas ao pleno de xaneiro falouse da obra de ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro. A corporación municipal terá que aprobar a solicitude á Deputación da Coruña dunha subvención nominativa por valor de 65.464,82 euros para sufragar a devandita obra que conta cun orzamento de 81.831,02 euros. Cómpre lembrar que no pasado pleno ordinario de novembro aprobouse o proxecto técnico desta obra e no pleno de decembro aprobouse unha corrección de erros que houbo que realizar no devandito proxecto.   

Este proxecto recolle a ampliación en 180 metros cadrados desta instalación municipal co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio, que ten un custe de 81.831,02 euros. Para elo a Deputación da Coruña concedeu unha subvención nominativa na que financiará o 80% das actuacións contidas no proxecto técnico da obra de ampliación de dito pavillón. O Concello asumirá o custe restante, que é do 20%, e que son 16.366,20 euros, con fondos propios.

Outro dos temas tratados nas comisións informativas foi a compatibilidade para exercer un segundo posto de traballo no sector público solicitado por unha traballadora municipal. Dita persoa superou un proceso selectivo dunha praza de profesora asociada na Universidade de Santiago de Compostela, polo que solicitou que lle sexa concedida autorización para compatibilizar ambas actividades. Tras recibir informe favorable do Reitorado da USC, o departamento de Secretaria tamén ditou un informe favorable no que se autoriza a compatibilidade da traballadora municipal co posto de profesora asociada a tempo parcial na USC. O Pleno terá que autorizar dita solicitude

Proposta do goberno municipal

Por outra banda, o goberno municipal presentou unha proposta sobre medidas urxentes en materia de réxime local e reinversión do superávit. Segundo se recolle en dita proposta a Lei Orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira xunto coa Lei 27/2013, de 27 de decembro, da Racionalización e Sostibilidade da Administración local levaron a un retroceso importante na autonomía das administracións locais limitando tanto as súas capacidades competenciais como financeiras, traducíndose nun significativo descenso dos servizos públicos prestados polos Concellos.

No caso do Concello de Ames os datos actuais da última liquidación do exercicio 2015 revelan que se cumpre con folgura o principio de estabilidade orzamentaria cun superávit neste exercicio de 1.788.937,81 euros, contando ademais cun remanente de tesourería positivo de 3.313.357,53 euros. Ademais, cúmprese co nivel de débeda que é do 19,32%, estando moi por debaixo do límite máximo do volume de débeda viva que está establecido no 110%. No terceiro trimestre deste ano 2016 tamén se cumpriu co período medio de pago a provedores con 30,71 días. Por todo isto, solicitase que se poida empregar o superávit e mailo remanente de tesourería sen establecer restricións que impidan poder xestionar os recursos de xeito eficiente co obxectivo de atender as demandas dos veciños e veciñas.

Moción para o control e eliminación do amianto

Por último, tratouse unha moción do grupo municipal de Ames Novo para a implantación de medidas para o control e eliminación do amianto. As autoridades médicas demostraron que os produtos relacionados co amianto provocan cancro cunha alta mortalidade. Debido a iso solicítase que se elabore e publique un informe sobre a situación actual da xestión de residuos de fibrocemento recollidos polo servizo de limpeza ou brigada de medio ambiente, e que o se elabore un inventario de inmobles públicos ou privados de uso público que conteñan amianto ou sexan susceptibles de contelas. No caso de existir algún inmoble que conteña uralitas con amianto, elaborar un plan urxente de actuación para a súa eliminación.

Outras peticións que se inclúen nesta moción son que se instale un servizo de recepción de residuos domésticos con amianto como se fai en moitas cidades, e no caso de non ser posible, incluír nos presupostos de 2017 unha partida orzamentaria para por en marcha unha serie de axudas económicas para os veciños que se vexan obrigados a realizar tarefas de desamiantado en edificios ou vivendas da súa propiedade; estudar a posibilidade de asinar convenios con empresas autorizadas na realización deste tipo de traballos; e que se poñan en marcha campañas de información á veciñanza sobre este asunto.

23 de xaneiro de 2017 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.