As comisións da Deputación de Ourense abordarán temas de empregabilidade, obras, servizos e rede viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A comisión informativa da Deputación de Ourense de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordará esta tarde, a aprobación inicial das bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos concellos en materia de empregabilidade para o exercicio 2017. Concretamente, o obxecto deste programa é contribuír ao sostemento económico dos servizos municipais ofrecendo a posibilidade de complementar os recursos humanos necesarios para este fin. A dispoñibilidade orzamentaria destinada a este programa é dun importe máximo de 910.000 euros, sendo a axuda concedida a cada concello dunha contía máxima de 10.000 euros. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contando a partir do día seguinte á data de publicacións desta bases no BOP.

Outro dos temas a tratar na xuntanza será a aprobación inicial do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017, para o que a Deputación de Ourense destina un total de 7.030.999 euros. En concreto, a achega provincial ás obras municipais será de 4.645.999 euros e os concellos achegarían 1.409.947 euros. Así mesmo, a Deputación destina 385.000 euros para o réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta e, por último, o goberno provincial achega 2.000.000 euros para a rede viaria da Deputación. En canto ao Plan Complementario, o goberno provincial destina ás obras municipais 4.261.000 euros e 7.064.300 euros para a rede viaria da Deputación.

Por último, na reunión abordarase a expropiación forzosa para a execución da obra “Acondicionamento e mellora integral na OU-0606 Valilongo-A Teixeira”, no concello da Teixeira.

Hoxe, tamén se celebrarán as comisións informativas de Transparencia e Administración Provincial e a de Especial de Contas e de Facenda e Economía, será nesta última na cal se tratará a aprobación inicial do orzamento para 2017 do Consorcio de Augas de Valdeorras por importe de 1.350.810 euros, e a súa integración no orzamento xeral da Deputación de Ourense.

Asemade na comisión abordarase a delegación na Deputación de Ourense do exercicio das competencias do Concello da Gudiña en materia de xestión tributaria e recadación da taxa pola subministración de auga e canon de auga. Outro dos asuntos a tratar será o expediente nº 1/2017 para modificación de créditos nos vixentes orzamentos da Deputación que ascende á cifra total de 11.110.391 euros.

Na xornada de mañá xoves, 19 de xaneiro, será a quenda para as comisións informativas de Termalismo, Cultura e Igualdade. Na comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente abordarase o convenio de cooperación entre a Deputación de Ourense e o Concello de Vilar de Santos para a prestación por parte do goberno provincial do servizo de punto limpo do Concello de Vilar de Santos.

Na comisión informativa de Cultura, Deportes e Mocidade tratarase a aprobación inicial do Programa de cooperación da Deputación de Ourense cos concellos, para o cofinanciamento da rede provincial de espazos culturais e a programación coordinada de actividades a nivel provincial 2017. As bases deste Programa contemplan que a rede estará integrada pola Deputación e todos os concellos de menos de 20.000 habitantes que conten con espazos escénicos. A dirección e representación da rede correspóndelle á Deputación a través do deputado de cultura, e as funcións de impulso e seguimento á asesoría política Cultural da Deputación. A Deputación achegará unha dotación inicial para este fin de 70.000 euros.

Os concellos que queiran formar parte desta Rede deberán cumprir unha serie de requisitos que son: dispoñer dun espazo axeitado para o desenvolvemento da actividade escénica, asumir por tempada a programación de polo menos un espectáculo bimestral, dispoñer dun técnico responsable da xestión da actividade no concello ante a Rede e, ter menos de 20.000 habitantes.

Outro dos temas a tratar na xuntanza será a fixación de prezos de publicacións que editará a Deputación de Ourense. Neste apartado figuran as seguintes obras: Retrato de grupo con figura ausente. Edición y análisis de la correspondencia entre José Ángel Valente y los poetas españoles de su edad, por un prezo de 10 euros por libro; Apuntes históricos de Cortegada de Baños, por importe de 9 euros; Aqua, divi, urbs (agua, dioses, ciudad): excavaciones arqueológicas en As Burgas, por 12 euros; Cemiterios esquecidos: o fenómeno tumular na comarca do Arenteiro, 25 euros por libro; Arqueoloxía do viño. Os lagares rupestres da comarca de Monterrei, por 9 euros; Los perdedores. La represión política en Galicia en el siglo XIX, 10 euros cada exemplar; El señorío de Lobás en la Edad Moderna, 12 euros por libro; O farmacéutico e deputado de Cortegada José Ojea, por un prezo de 10 euros por libro.

18 de xaneiro de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.