Artem Pustovyi é elixido Xogador Estrella Galicia do mes de decembro
Esta mañá entregouse na Bodeguilla de Santa Marta o premio ao Xogador Estrella Galicia do mes de decembro do Rio Natura Monbus Obradoiro, que recaeu no pivote ucraíno Artem Pustovyi.
A decisión sobre o premiado recaeu nos afeccionados do equipo que escolleron a través dunha votación popular mediante as redes sociais do club. Dos 102 votos emitidos a través de Twitter e Facebook, o 51% decantáronse por Artem Pustovyi, mentres que o 41% apoiaron a Eimantas Bendzius e o 8% a Shayne Whittington.
O xogador declarou no acto de entrega que sente “moi feliz ao recibir este trofeo e dou as grazas a todas as persoas que o fixeron posible. Para min isto é moi importante e agradézollo sobre todo aos afeccionados. Eles son moi importantes para nós e quero darlles as grazas polo seu apoio. Necesitámolos en cada partido, axúdannos moito e sen eles non tería sentido xogar”.
Sobre a actuación do equipo nas últimas xornadas, o pivote ucraíno explicou que “o importante agora é non renderse e continuar traballando duramente. Continuaremos loitando por cada balón, melloraremos o noso xogo nos adestramentos, mostraremos a nosa mellor versión e demostraremos que podemos facer na pista”.











