Aposta pola mediación familiar como solución alternativa de conflitos evitando o procedemento xudicial
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda reiterou hoxe a aposta do Goberno galego pola mediación no ámbito familiar como solución alternativa para a resolución de conflitos, evitando chegar ao procedemento xudicial.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente do TXSG, Miguel Ángel Cadenas, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, participaron esta mañá na inauguración das II Xornadas de Dereito en Familia na cidade da Coruña onde Alfonso Rueda indicou a importancia de este tipo de xornadas que recollen asuntos de especial relevancia para a cidadanía galega, como son o réxime económico matrimonial, a asistencia xurídica gratuíta e a mediación intraxudicial nas diferentes xurisdicións onde está xa funcionando, como son a familiar, civil e mercantil ou a penal.
Durante a súa intervención, Alfonso Rueda puxo en valor que a mediación constitúe “unha canle fundamental na resolución de conflitos” naqueles ámbitos nas que se está a implantar, como ferramenta complementaria ás solucións tradicionais e sendo “unha peza clave na modernización da Administración de Xustiza”.
No relativo á mediación familiar, o Goberno galego completou nas sete grandes cidades galegas este mesmo ano a posta en marcha deste recurso recurso totalmente gratuíto,sendo unha solución áxil, económica e menos traumática para os conflitos que se orixinan no ámbito familiar.
A Xunta apostou pola mediación xa desde o ano 2009, cunha experiencia piloto que deu comezo en Santiago e que despois foise estendendo ao resto das cidades grazas á colaboración coa Fiscalía, co Consello Xeral do Poder Xudicial e cos colexios de Avogados e Psicólogos e as universidades. O compromiso coa mediación por parte dos asinantes é unha das claves dos bos resultados deste sistema de resolución de conflitos, como así o reflexan os bos resultados que reflicten a súa utilidade e a súa eficacia, xa que arredor de 500 familias aceptaron someterse ao proceso de mediación que se lles ofreceu e máis da metade destas resultaron resoltas con acordo.











