publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ames homenaxea a oito estudantes que obtiveron premios ou participan en proxectos educativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Homenaxe aos estudantes

Homenaxe aos estudantes

O goberno municipal realizoulle este pasado martes, 24 de xaneiro, unha recepción na Casa do Concello a oito alumnos que recibiron diversos premios ou que están participando en destacados proxectos educativos. Neste acto de homenaxe participaron Beltrán Fernández, Xián Ardións, David Montoto, Manuel Fernández, Mateo Raíndo, Óscar Hidalgo e Carlos Furelos. Samuel Huesca non puido asistir ao estar estudando fóra. Os rapaces, que estiveron acompañados dos seus familiares, foron recibidos polo alcalde, polo concelleiro de Educación e Cultura, e por varios concelleiros/as do goberno municipal, así como edís dos partidos políticos con representación na corporación municipal.  

Este martes pola tarde déronse cita no salón de plenos da Casa do Concello varios rapaces que obtiveron premios académicos ou que participan en destacados proxectos educativos. Beltrán Fernández, veciño de Aldea Nova, Xián Ardións, veciño de Lapido, e David Montoto, veciño do Milladoiro, obtiveron os premios extraordinarios da ESO durante o curso 2014-2015. Ademais, Manuel Fernández (irmán de Beltrán) obtivo este mesmo premio durante o pasado curso 2015-2016. Estes premios que convoca a Comunidade Autónoma de Galicia premia o rendemento académico e están dirixidos ao alumnado que destaque polo seu rendemento académico na etapa de educación secundaria obrigatoria. 

Por outra banda, Mateo Raíndo e Samuel Huesca, ambos veciños de Bertamiráns, recibiron un premio de IGACIENCIA, no apartado de Inventa en galego (con APP Inventor). Estes alumnos do IES de Ames acadaron a segunda posición grazas á súa aplicación ComposTour. A súa utilidade, en palabras do equipo de segundo de bacharelato que lle deu forma é “dar a coñecer polo miúdo o marco histórico e cultural da capital galega”. Este rapaces estiveron coordinados polo mestre Antonio Vázquez Cardesín. Un dos alumnos premiados, Samuel Huesca, non puido asistir a este acto de homenaxe debido á que está estudando en Castellón. No seu lugar asistiu seu pai. 

Outro dos rapaces homenaxeados foi Óscar Hidalgo Gerpe, veciño do Milladoiro, que participa no programa ESTALMAT (proxecto para o estímulo do talento en matemáticas en estudantes de 12 e 13 anos). Trátase dun programa da USC de fomento e estimulo entre os rapaces de sexto de primaria e primeiro de secundaria. Os estudantes entran no proxecto ESTALMAT-Galicia con 12 ou 13 anos e permanecen nel dous cursos académicos consecutivos. Cada ano selecciónanse 25 alumnos, e en Ames, entre eses 25 mellores matemáticos de Galicia, temos a Óscar Hidalgo.  

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que é un orgullo contar con rapaces desta excelencia e cremos que é bo e merecido que así o recoñezamos nun acto público, como o que hoxe celebramos”. O rexedor municipal rematou felicitando aos gañadores, mestres, centros de ensino, familias e engadiu que “temos unha sobrada mostra da calidade que se respira en Ames no eido educativo e cultural”. 

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, incidiu en que “con este tipo de actos preténdese poñer en valor o talento académico dos estudantes do concello. Desexamos que todo o seu coñecemento redunde no beneficio de Ames e que se poida reflectir no traballo que desenvolvan aquí, e deste xeito, non se teñen que ver obrigados a saír do país”. 

Concurso Defensor do Pobo

Carlos Furelos Guitián (estudante de secundaria), veciño de Bertamiráns, recibiu o premio  do concurso escolar de debuxos Defensor do Pobo. Este rapaz non puido asistir á recepción feita o martes, polo que se achegou ata a Casa do Concello este mércores pola mañá. Este concurso está organizado polo Defensor do Pobo e a ONG Globalización dos Dereitos Humanos co fin de promover o coñecemento dos dereitos humanos entre os escolares españois. Ademais, esta iniciativa ten como obxectivo achegar a nenos/as e mozos/as o coñecemento dos dereitos humanos e o fomento dos valores democráticos.

26 de xaneiro de 2017 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.