Aemos transmite ao alcalde de Vigo a necesidade da posta en marcha da Area Metropolitana
Abel Caballero mantivo este luns unha reunión coa Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) na que “coincidiron” nas súas posicións sobre a posta en marcha da Área e do transporte metropolitano. O rexedor amosou a súa vontade de estudar a petición que lle trasladaron os empresarios de que unha liña de bus urbano se achegue ata a zona empresarial mosense próxima a Peinador, pero “lamentou” non ter interlocutor na Área porque a alcaldesa Nidia Arévalo “abandonou” o ente.
Caballero explicou que os empresarios de Mos cos que hoxe mantivo un encontro “comparten” con nós a importancia que a Área Metropolitana ten para Mos e para o resto do territorio. Segundo dixo, os empresarios entenderon e apoiaron a interpretación do Concello de Vigo respecto do transporte metropolitano da Xunta e avogaron por poñelo en marcha, sen prexuízo de que se unha das partes non está de acordo poida recorrer ao Tribunal Contencioso-Administrativo, segundo indica o convenio asinado entre Concello e Xunta.
Engadiu a súa vontade de estudar a petición de Aemos de que unha liña do bus urbano puidera estenderse ata a zona industrial mosense próxima e Peinador, pero advertiu de que non ten interlocutor na Área para dialogar sobre esta cuestión porque a alcaldesa de Mos “abandonou” o ente. Polo mesmo motivo, reiterou, tampouco se poderán tratar outros temas, dixo, como petición da mellora de abastecemento dunha residencia desta mesma localidade.
Caballero destacou que desde Aemos non entenden o abandono da alcaldesa da Área Metropolitana, o lugar de encontro para dialogar e buscar solucións a todas estas cuestións. Cualificou de “sensata” e “razoable” a posición destes empresarios e avanzou que seguirá falando con eles para facilitarlles aos traballadores desa zona e mellor atención posible.