publicidade hoxe

Aberto o prazo de inscrición na campaña de Esquí 2017 da Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames participa na campaña de Esquí 2017, que organiza a Deputación da Coruña entre o 19 de febreiro e o 31 de marzo. Os participantes gozarán de cinco días na estación invernal de Leitariegos, ademais dos cursos de esquí. Esta actividade está dirixida aos rapaces e rapazas nados nos anos 2002, 2003, 2004, 2005 e 2006, residentes en calquera municipio de provincia da Coruña. Os nenos e nenas amesáns participarán neste programa do 19 ao 24 de marzo. Para o Concello de Ames ofértanse 12 prazas. As inscricións hai que presentalas no Rexistro Xeral, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ata o próximo 23 de xaneiro. Esta actividade ten un custo de 95 euros.

A Deputación Provincial da Coruña puxo en marcha unha nova campaña de Esquí, que se desenvolverá na Estación invernal de Leitariegos, situada en León. Esta campaña, que se levará a cabo en cinco quendas, desenvolverase entre o 19 de febreiro e o 31 de marzo. O obxectivo deste programa é fomentar que os nenos e as nenas da provincia poidan familiarizarse cos deportes de inverno e coa neve.

A través desta campaña o Concello de Ames oferta un total de 12 prazas, polo que todos os interesados deben darse présa para apuntarse. No caso de que haxa máis inscricións que prazas realizarase un sorteo público o martes 24 de xaneiro, ás 12:00 horas, na Casa do Concello. Este campamento está dirixido aos nenos e nenas nados nos anos 2002, 2003, 2004, 2005 e 2006 e que estean empadroadas no concello de Ames. Terán preferencia os nenos e nenas que non foran a ningunha campaña da neve da Deputación.

A cota de inscrición é de 95 euros e inclúe o transporte, a estadía e manutención na estación invernal de Leitariegos, monitores, clases de esquí, o correspondente seguro, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados. Os participantes de Ames chegarán á estación invernal de Leitariegos o domingo 19 de marzo pola tarde e regresarán o venres 24 despois de xantar.

Tramitación das inscricións

Os pais e nais interesados deben formalizar a inscrición dos seus fillos/as nos rexistros municipais do Concello, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas, entregando a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor/as do solicitante, unha foto carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, unha fotocopia do libro de familia ou carné de identidade e unha copia de pagamento da cota de inscrición (este último papel haberá que entregalo despois de que o Concello lle confirme ao solicitante que dispón da praza solicitada). As inscricións poden realizarase ata o próximo 23 de xaneiro.

No caso de que algún neno ou nena precise un tratamento específico ou sufran unha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente. Tamén é importante especificar as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo que sufra calquera neno/a. Para máis información pódese acudir á páxina web http://www.dicoruna.es/deportes/actividades, da Deputación da Coruña, chamar ao número de teléfono 981 080 644 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete.deportes@dicoruna.gal

13 de xaneiro de 2017 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.