A Xunta traslada o Plan de acceso dos autobuses aos concellos da Área de Transporte Metropolitano da Coruña
A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, vén de trasladarlles aos alcaldes da Área de Transporte Metropolitano da Coruña o novo Plan de mellora do acceso dos autobuses interurbanos ao centro da cidade resultante do proceso de participación pública.
A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, enviou unha carta aos distintos concellos que conforman a Área de Transporte Metropolitano da Coruña, na que lembra que a vontade do Goberno galego é aprobar este plan co maior grao de consenso. Por ese motivo, antes da aprobación definitiva, a Xunta somete o novo documento á consideración dos concellos, aos que convida a manifestar as súas consideracións sobre o mesmo nun prazo de 20 días.
Para poder estudar a última versión do texto, este estará dispoñible na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda á que poderá acceder a través da seguinte ligazón: http://civ.xunta.gal/secciontema/c/CIV_Transporte_de_viaxeiros?content=Direccion_Xeral_Mobilidade/Transporte_Publico/seccion.html&std=Plan_accesibilidade_corunha.html.
O Executivo autonómico xa enviou a estes mesmos municipios o pasado verán a primeira versión e o documento actual é o resultante das modificacións introducidas como resultado dese proceso de participación pública e alegacións.
Así mesmo, o vindeiro venres terá lugar unha xuntaza da Comisión de seguimento do Plan de transporte metropolitano da Coruña na que a directora xeral de Mobilidade explicará ante os representantes municipais as modificacións introducidas no Plan e as previsións para a súa posta en marcha.
O Plan de mellora do acceso dos autobuses ao centro da Coruña é unha iniciativa da Xunta de Galicia que pretende mellorar a mobilidade dos veciños da comarca e da cidade herculina optimizando os percorridos e paradas dos autobuses interurbanos no centro da cidade, eliminando a necesidade de transbordos e contribuíndo á utilización do transporte público en detrimento do vehículo particular.











