publicidade hoxe

A Xunta seguirá estendendo as casas niño como recurso pioneiro de atención á infancia e de conciliación no ámbito rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonte
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, marcouse hoxe como obxectivo seguir estendendo os recurso de conciliación nos concellos rurais. Así o indicou durante unha vista á casa niño ‘Avelaíña”, no municipio lucense de Begonte, onde salientou a importancia destes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais.

Ademais, Rey Varela sinalou que a posta en marcha desta iniciativa piloto na comunidade “é unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia porque nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades”, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia. Así mesmo, apuntou que “tamén constitúe un apoio aos emprendedores en localidades de carácter rural que con proxectos como este dan resposta a unha demanda como é o coidado dos máis pequenos e ás necesidades de conciliación”.

A día de hoxe a provincia de Lugo conta con sete casas niño –nos municipios de Begonte, Láncara, O Corgo, Portomarín, Xermade, Castroverde e As Nogais-; ás que se sumará unha máis que abrirá entre este mes e o seguinte en Folgoso do Courel. En total, a entrada en funcionamento destes recursos supón poñer a disposición dos pais e nais, de maneira gratuíta, 40 novas prazas para o coidado dos seus fillos e fillas, cinco por cada unha das casas niño. No conxunto de Galicia, distribuídas polas catro provincias, estarán activas 30 instalacións como a que esta mañá visitou o conselleiro, o que significa un total de 150 novas prazas.

O titular da carteira autonómica de Política Social avanzou que o Goberno galego continuará este ano “estendendo as casas niño por toda a nosa xeografía coa apertura doutras 30 máis”, nun investimento que está contemplado nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2017, xa presentados. “Seguiremos apostando por este servizo porque investir no benestar das familias e dos nenos é facelo no presente e futuro de Galicia”, afirmou Rey Varela, ao tempo que engadiu que o impulso de novos recursos como as casas niño “responde ao compromiso de facer que Galicia sexa un mellor lugar para vivir, para formar unha familia e, sobre todo, para ser neno”.

Apoio económico

A apertura destes equipamentos contou co respaldo económico da Administración autonómica que en maio do ano pasado convocou unha liña de axudas para este fin dotada dun crédito orzamentario de 2,5 millóns de euros que se esgotou na súa totalidade. As persoas cuxas solicitudes foron atendidas recibiron unha achega económica dirixida tanto a contribuír ao financiamento do custo da reforma e adaptación da vivenda e ao seu equipamento e dotación material, así como á atención profesional prestada.

No caso concreto da casa niño de Begonte, que comezou a súa actividade o pasado 19 de decembro, a Consellería de Política Social concedeu unha subvención inicial de 15.000 euros para investimentos de adaptación da vivenda, aos que se engaden outros 65.300 repartidos no período comprendido entre os anos 2016 e 2019 en concepto de axuda ao desenvolvemento do proxecto. En total, o investimento da Xunta de Galicia neste equipamento ascendeu a algo máis de 80.000 euros.

Na actualidade Galicia conta con 27 casas niño en servizo, distribuídas por provincias do seguinte xeito: unha na Coruña, tres en Pontevedra, sete en Lugo e 16 en Ourense. Entre este mes e o vindeiro de febreiro estarán operativas outras tres, situadas no concello lucense de Folgoso do Courel e nos municipios ourensás de Monterrei e Beade.

Cómpre sinalar que as casas niño, dirixidas a concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia, forman parte das iniciativas que se contemplan no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- ou o incremento das prazas sostidas con fondos públicos.

23 de xaneiro de 2017 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.