A Xunta remite aos municipios da Área de Transporte Metropolitano o convenio para a integración do autobús urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de remitirlles o convenio de adhesión do Concello de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano aos municipios integrantes da área, tal e como se comprometeu a conselleira Ethel Vázquez na Comisión de Seguimento que tivo lugar onte.
O Goberno galego, co envío desta documentación, pretende actuar con total transparencia e amosarlles aos municipios da área que só o cumprimento deste acordo garante que os usuarios do transporte metropolitano dispoñan das mesmas vantaxes das que xa se benefician noutras áreas como A Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago. A Consellería remite ese convenio para que os citados concellos analicen os seus termos.

A Comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da Área de Vigo constatou que o transporte urbano da cidade segue pendente de materializar a súa incorporación ao sistema, e solicitoulle ao Concello que realice as adaptacións técnicas necesarias para o proceso. Así, nin o Concello nin Vitrasa cumpriron a responsabilidade que asumiron co acordo asinado o pasado 6 de xullo.

A Xunta continúa á espera de que o Concello de Vigo e a empresa concesionaria remitan os dispositivos de cobro adaptados para que a Tarxeta de Transporte Metropolitano poida operar nos autobuses urbanos de Vigo. Unha vez que Vigo remita os dispositivos adaptados, o Executivo autonómico axilizará os trámites para que o autobús urbano se integre no Plan de Transporte de Galicia, nas mesmas condicións e normas que rexen en toda Galicia, xa que, ninguén ten máis interese que o Goberno galego en que os vigueses se poidan beneficiar destes importantes descontos.

18 de xaneiro de 2017 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.