A Xunta organiza en Santiago unha xornada informativa para asesorar aos afectados polas cláusulas chan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A campaña informativa posta en marcha pola Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para informar aos consumidores sobre a última sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea relativa ás cláusulas chan chegará mañá, martes 3 de xaneiro, a Santiago. A sede do Instituto Galego de Consumo (IGC), na avenida Gonzalo Torreste Ballester, 1-5, acollerá a partir das 12.30 horas esta xornada na que a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, explicará os pasos que deben seguir os afectados para facer efectiva a súa reclamación ante as entidades financeiras.

A campaña informativa, que arrancou a semana pasada na Coruña e continuará mañá o seu percorrido polas principais cidades galegas en Santiago, ten como principal obxectivo prestar información e asesoramento gratuíto ás persoas que se viron afectadas por estas cláusulas. A través destas charlas, a Xunta indica a usuarios e consumidores que teñen a súa disposición todos os medios cos que conta a Administración autonómica para que poidan reclamar ante as entidades bancarias a devolución do diñeiro cobrado indebidamente a través das cláusulas chan.

Para facilitar o acceso a toda a información que precisan, tamén está publicado na web de Consumo (https://consumo.xunta.gal) as instrucións sobre cómo proceder para reclamar ante as entidades financeiras, así como un modelo de formulario para realizar a reclamación e a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ao respecto. Ademais, os cidadáns poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego de Consumo, a través do teléfono gratuíto 900 231 123, así como nas oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC) e nas asociacións de consumidores e usuarios de Galicia.

2 de xaneiro de 2017 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.