A Xunta inicia na Coruña a programación de visitas á Escola Galega de Prevención para fomentar a cultura preventiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta iniciou hoxe na Coruña a programación de visitas á Escola Galega de Prevención para fomentar a cultura preventiva desde a infancia. Hoxe un total de 23 nenos e nenas do CEIP da Rabadeira de Oleiros desprazáronse ata este centro itinerante da Consellería de Economía, Emprego e Industria que este ano estará situado no centro do ISSGA da Coruña co fin de que as súas actividades cheguen aos centros educativos da provincia.

O departamento autonómico busca, coa Escola Galega de Prevención do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), incentivar actitudes e hábitos seguros entre os escolares dun xeito ameno, didáctico e divertido. Deste xeito, incúlcanse condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que terán que enfrontarse como futuros empresarios e traballadores.

A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores nas que a información estrutúrase en catro grandes bloques temáticos: na casa, na rúa, na escola e no fogar.

Deste xeito, na zona de equipamento, os rapaces equiparanse con cascos e chalecos e realízanse unha foto que posteriormente poden baixarse da páxina web do ISSGA. Haberá catro grandes paneis informativos con mensaxes claras e directas. Na zona audiovisual, proxéctase un vídeo vinculado á prevención de riscos e interactúase con eles sobre o seu contido. Expóñense diferentes imaxes representativas das áreas máis destacadas da exposición. Por último, na área de documentación e actividades pódese consultar publicacións, acceder a través dos equipos informáticos a diversos recursos web, aprender a través de diferentes escenarios a distinguir accións correctas e incorrectas, así como diversos xogos de imáns e cubos relacionados con diferentes profesións e varios paneis e lonas onde se lle lembran diferentes recomendacións que nas súas actuacións deben ter en conta.

A Escola, en coordinación permanente coa autoridade educativa – a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria – , porá a disposición dos centros docentes de toda a Comunidade Autónoma as súas instalacións cos recursos técnicos e humanos precisos para acadar os obxectivos marcados.

A loita contra a sinistralidade é un dos retos da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral.

26 de xaneiro de 2017 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.