A Xunta incrementa nun 15% o orzamento para o financiamento dos servizos sociais na provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o incremento no financiamento para a contratación do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais no marco do Plan Concretado na provincia de Lugo. O que na práctica suporá que a demarcación lucense poida contar con 7 traballadores sociais máis que no pasado ano, no que dispuña dun plantel de máis de 90 traballadores.

En total, a Xunta de Galicia destinará aos municipios da provincia beneficiados por esta medida, un total de 219.446,36 euros, o que supón un incremento do 16% con respecto a 2015. Así, poderán beneficiarse deste reforzo as localidades de Chantada, Fonsagrada, Friol, Ribeira de Piquín e Viveiro. E no conxunto da Comunidade galega, atendendo ao tamaño poboacional de cada concello, o financiamento distribuirase entre 7 concellos de menos de 5.000 habitantes; 10 concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes; 6 concellos entre 10.001 e 20.000 habitantes; 12 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes e un total de 5 concellos con máis de 50.000 habitantes.

Nesta liña, Parrado explicou que este aumento orzamentario enmárcase na resolución pola que se aprobou o financiamento do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais no marco do Plan Concertado e se sitúa nos 960.289,50 euros, o que permitirá contratar a un total de 63 profesionais, nomeadamente 50 traballadores/as sociais, 10 educadores/as sociais e 3 psicólogos/as en toda Galicia.

A medida, beneficiará nun primeiro termo a 40 concellos e entidades locais de Galicia, como titulares dos servizos sociais comunitarios e beneficiarios destas transferencias finalistas para o cofinanciamento do seu persoal, asegurou Parrado. “Dun xeito máis amplo, tamén beneficiará a todas as administracións públicas e entidades que forman parte do sistema galego de servizos sociais, xa que mellorará o funcionamento de todos os demais niveis de actuación e atención”, engadiu o titular autonómico.

O incremento de persoal dos servizos sociais comunitarios municipais redundará nunha mellora nos tempos e na calidade da atención que prestan á cidadanía. Ademais, acadarase unha maior efectividade das medidas que requiren da implicación destes axentes para acadar os obxectivos de loita contra a pobreza e a exclusión social recollidos na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020.

Nos últimos anos, os servizos sociais comunitarios dos concellos, como porta de entrada ao Sistema de Servizos Sociais, rexistraron un incremento da demanda de atención, á vez que se deu a necesidade de maior implicación do persoal para facer efectivas as medidas de loita contra a pobreza e a exclusión social impulsadas pola Consellería de Política Social. “Co obxecto de manter un nivel de atención de calidade e garantir a efectividade das medidas postas en marcha polo departamento autonómico para loitar contra a pobreza e a exclusión social, levarase a cabo este reforzo”, indicou o director xeral.

Incremento dos módulos económicos

Esta medida súmase á de actualización á alza do 12% dos módulos económicos para o cofinanciamento do persoal dos servizos sociais comunitarios, publicada a través dunha orde o pasado mes de xullo. Ambas medidas, no seu conxunto, supoñen un incremento de preto de 2 millóns de euros no orzamento destinado pola Comunidade Autónoma ao financiamento do persoal dos servizos sociais comunitarios municipais, o que totaliza unha suba do 22,40%.

Arturo Parrado finalizou a súa intervención destacando que este reforzo do persoal forma parte dos compromisos asumidos pola Administración autonómica no marco da Axenda Social asinada conxuntamente pola Xunta de Galicia, a FEGAMP e a Rede Galega contra a Pobreza no pasado mes de xuño.

2 de xaneiro de 2017 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.