A Xunta impulsa xornadas informativas para asesorar aos afectados polas cláusulas chan
A campaña informativa posta en marcha pola Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para informar os consumidores sobre a última sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea relativa ás cláusulas chan chegará mañá, martes 10 de xaneiro a Vigo. O salón de actos da Delegación Territorial da Xunta (Rúa Concepción Arenal, 8) acollerá a partir das 18.30 horas esta xornada na que a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, explicará os pasos que deben seguir os afectados para facer efectiva a súa reclamación ante as entidades financeiras.
A campaña informativa, que está a percorrer as principais cidades galegas, continuará o mércores día 11 en Lugo, cunha xornada que comezará ás 18:30 horas no salón de actos da Delegación da Xunta (Rolda da Muralla, 70), e que contará tamén coa participación de Vázquez Abeal.
O obxectivo desta iniciativa é prestar información e asesoramento gratuíto ás persoas que se viron afectadas por estas cláusulas. A través destas charlas, a Xunta indica a usuarios e consumidores que teñen a súa disposición todos os medios cos que conta a Administración autonómica para que poidan reclamar ante as entidades bancarias a devolución do diñeiro cobrado indebidamente a través das cláusulas chan.
Para facilitar o acceso a toda a información que precisan, tamén está publicado na web de Consumo (https://consumo.xunta.gal/) as instrucións sobre cómo proceder para reclamar ante as entidades financeiras, así como un modelo de formulario para realizar a reclamación e a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ao respecto. Ademais, os cidadáns poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, a través do teléfono gratuíto 900 231 123, así como nas oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC) e nas asociacións de consumidores e usuarios de Galicia.











