publicidade hoxe

A Xunta impulsa as escolas infantís de iniciativa social como piares para a conciliación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Rey Varela na visita ao centro "Chip y Chop"

Rey Varela na visita ao centro “Chip y Chop”

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe o centro “Chip y Chop”, unha das sete escolas infantís dependentes de entidades de iniciativa social subvencionadas pola Xunta de Galicia na cidade de Ferrol e que conta cun total de 40 prazas divididas en tres unidades de 0-1, 1-2 e 2-3 anos. Durante a súa visita, Rey Varela estivo acompañado da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez.

Rey Varela destacou o importante papel que escolas como “Chip y Chop” desenvolven no fomento da conciliación da vida laboral das familias galegas e fixo fincapé en que “a ampliación e mellora na calidade das escolas infantís 0-3 como recurso educativo é un dos obxectivos da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia”. Deste xeito, neste curso 2016-2017 hai un total de 22.316 prazas en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos. Isto supón 1.871 novas prazas, é dicir, un 9% máis de prazas que no curso pasado, o que fará que Galicia ofreza unha ratio de cobertura do 37,3%, superando a recomendada pola UE.

O conselleiro de Política Social aproveitou a ocasión para lembrar a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da nova orde que regula as axudas ás escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social (EPIS) e que este ano presenta tres novidades principais con respecto á anterior: un incremento orzamentario do 3% ata acadar un montante total de 3.160.152 euros, a concesión dun anticipo do 80% da cantidade subvencionada a todas as entidades beneficiarias e incorpórase a xustificación da achega mediante módulos para simplificar e axilizar a súa xestión administrativa.

Así, as EPIS poderán presentar as súas solicitudes de subvención con cargo a esta convocatoria ata o 16 de febreiro. Cómpre destacar que á convocatoria de 2016 se acolleron un total de 46 centros, o que supuxo o financiamento de preto de 2.700 prazas. Serán subvencionables os gastos de persoal, de alimentación e outros gastos xerais de mantemento dos centros. A contía da axuda establécese en función do número de unidades da escola infantil autorizadas que estean en funcionamento na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes e da prestación do servizo de comedor. Deste xeito, os centros con servizo de comedor que teñan entre 1 e 3 unidades, recibirán 19.372 euros por un idade en funcionamento; os de 4 a 6 unidades recibirán 18.496 euros por unidade en funcionamento; e aquelas que conten con 7 ou máis unidades percibirán 17.609 euros por unidade en funcionamento. Aqueles centros que non dispoñan de servizo de comedor recibirán unha contía de 15.638 euros por unidade en funcionamento. Os e as interesados, poden consultar a orde no seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170116/AnuncioG0425-301216-0010_es.html

Cómpre destacar que grazas á convocatoria do ano 2016 das axudas para o mantemento das escolas infantís dependentes de entidades de iniciativa social, a EPI “Chip y Chop” recibiu unha achega de 56.619 euros. Outras EPIS subvencionadas na cidade de Ferrol son “ABC”, “Aloha”, “La Salle”, “Ludy”, “Os Meniños” e “San Rosendo”.

Por outra banda, durante o seu percorrido pola EPI “Chip y Chop”, Rey Varela avanzou que o Goberno galego reforzará a colaboración con estes centros a través dunha nova orde de axudas dotada de 600.000 euros, que se prevé que estea lista este mesmo curso escolar e que terá como finalidade investimentos de mellora nas instalacións, a compra e renovación de mobiliario e a dotación de equipamento. Esta nova liña de axudas responde ao obxectivo de “ ofrecer aos pais e ás nais máis recursos para a conciliación, nos que se preste unha atención aos seus fillos e fillas de calidade, cuns prezos prezos accesibles e homoxéneos para as familias”, apuntou o conselleiro.

Rede de escolas infantís

O titular autonómico destacou que a nosa comunidade conta cunha importante rede de escolas infantís, tanto públicas como concertadas e de iniciativa social, que ofrecen aos pais e ás nais un recurso de vital importancia para facer posible a conciliación das vidas familiar e laboral.

Ao respecto, indicou que a Xunta de Galicia seguirá consolidando en 2017 este mapa de recursos, apostando pola apertura de máis casas niño en núcleos rurais e de novas escolas infantís en polígonos empresariais; así como estendendo o Bono Concilia e o Bono Coidado para que chegue a un maior número de familias. A finalidade é que “Galicia siga a ser unha das comunidades con maiores atencións ás familias e á infancia, e os pais e a as nais teñan tempo para os seus fillos e tamén para eles mesmos”, concluíu Rey Varela.

27 de xaneiro de 2017 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.