A Xunta destinou máis de 300.000 euros dende o ano 2009 para o funcionamento do CIM de Lugo
A secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller de Lugo onde manifestou o apoio do Goberno galego a estes centros, que ano tras ano reciben unha parte moi importante da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro e da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitaron esta maña o Centro de Información á Muller, onde a titular de Igualdade incidiu que este centro concretamente recibiu dende o ano 2009 máis de 300.000 euros para o seu funcionamento. O CIM de Lugo conta coa directora de Centro, que tamén é a asesora xurídica, un asesor psicolóxico, unha traballadora social, un axente de igualdade e unha auxiliar administrativa. No ano 2015 atenderon a 299 persoas e recibiron un total de 5.157 consultas.
Durante á visita ao centro, López Abella destacou o papel clave que desenvolve esta entidade. O CIM non só avalía cada caso de forma específica e individualizada, senón que fai un seguimento exhaustivo e alerta ás forzas de seguridade en caso de que perciba un posible caso de violencia machista, aínda que a vítima non denunciase por medo a posibles represalias da súa parella ou exparella.
A secretaria xeral da Igualdade colabora tamén no mantemento da Casa de Acollida de Lugo, que recibiu o ano pasado 46.500 euros e dende o ano 2009, un total de 382.370 euros. O ano pasado, a casa de acollida atendeu a 20 persoas, e tivo unha porcentaxe de ocupación media anual de preto dun 70 por cento. Conta con 15 prazas.
O pasado mes de maio, a Secretaría xeral da Igualdade, xunto cos concellos de A Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Culleredo, asinamos o Protocolo para o acceso a Rede galega de Acollemento, mellorando así a coordinación e a resposta rápida ás vítimas que precisen dun recurso deste tipo. Os diferentes centros de acollida, que no seu conxunto configuran a rede galega de acollemento, son recursos especializados residenciais e temporais que ofrecen acollida, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia de xénero e ás e aos menores ao seu cargo que requiren dun espazo de atención e protección debido a situación de indefensión ou risco debido a situación de violencia de xénero. Están atendidos por equipos multidisciplinares que dan cobertura integral de atención e/ou recuperación: atención psicolóxica, educativa, sociolaboral, xurídica así como o favorecemento da normalización da situación persoal das mulleres, da súa unidade persoal e a superación dos efectos da violencia de xénero.











