A Xunta destaca a importancia de que as empresas familiares medren para consolidar o crecemento da economía galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
O director do Igape no Club Financeiro da Coruña. Foto: M. Fuentes

O director do Igape no Club Financeiro da Coruña. Foto: M. Fuentes

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na Coruña a importancia de que as empresas familiares galegas sigan medrando e modernizándose para, deste xeito, contribuír á consolidación do crecemento da economía na comunidade autónoma.

Durante a súa intervención na xornada Planificando o futuro da empresa familiar: sucesión, venda, fusión?, que se desenvolveu no Club Financiero Atlántico, Cividanes destacou que as compañías de base familiar conforman máis do 90% do tecido empresarial galego e achegan ao redor do 85% do PIB.

O director do Igape salientou como crucial que as compañías familiares profesionalicen os seus equipos directivos para optimizar a xestión das empresas, para mellorar a competitividade mediante novos investimentos, mesmo no ámbito da Industria 4.0, e para avanzar nos seus procesos de internacionalización.

Durante a súa intervención sobre os instrumentos financeiros ao servizo do crecemento da empresa familiar, Cividanes lembrou que estas empresas poden acollerse a todos os instrumentos de apoio a empresas habilitados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, tanto aos de capital risco que ofrece XesGalicia como aos préstamos directos ou participativos desta sociedade ou do Igape para consolidar as súas estruturas financeiras e poder medrar.

Tamén indicou que programas de servizos avanzados, como o ReAcciona, actualmente activo, están a disposición das empresas familiares galegas para facilitar a implantación de proxectos de mellora en ámbitos como a optimización do financiamento, o desenvolvemento estratéxico integral, a redefinición do modelo de negocio, a optimización de procesos de produción e cadea loxística, o relanzamento comercial ou a identificación de aliados e redes de cooperación. O programa ReAcciona conta tamén cun servizo específico para facilitar a elaboración e posta en marcha de plans e protocolos de sucesión na empresa familiar galega, segundo engadiu Cividanes.

Na inauguración da xornada organizada por Improven participou tamén Emilio Pérez Nieto, presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar (AGEF), da que forman parte compañías que suman preto de 50.000 traballadores.

19 de xaneiro de 2017 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.