publicidade hoxe

A Xunta destaca a aposta de Dimalnox pola renovación tecnolóxica para mellorar a súa competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+
O director do Igape na visita ás instalacións de Dimalnox en Culleredo

O director do Igape na visita ás instalacións de Dimalnox en Culleredo

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe as instalacións en Culleredo de Dimalnox, onde salientou a aposta desta compañía pola modernización tecnolóxica para completar os seus procesos de produción e mellorar a súa competitividade.

Dimalnox é unha compañía especializada no deseño, fabricación e instalación dunha ampla gama de produtos metálicos que conta cun cadro de persoal de 117 persoas e que está a renovar a súa maquinaria contando co apoio do programa Galicia Inviste. Coa incorporación dos novos equipos, a empresa ampliará a súa capacidade de produción, poderá completar procesos que tiña que subcontratar a outras empresas e en diante poderá realizar traballos para outras compañías.

Cividanes destacou que o Igape vén de ampliar ata o próximo 31 de marzo o prazo de presentación de solicitudes ao programa Galicia Inviste para a adquisición de maquinarias ou equipos para ampliar, diversificar ou mellorar a produción das pemes e promover, ao mesmo tempo, a creación e a consolidación de emprego.

A través do programa Galicia Inviste, a Xunta apoia igualmente investimentos en obra civil ou maquinaria e outros bens de equipo para a creación de novos establecementos empresariais ou para a ampliación de instalacións produtivas con alto potencial de creación de emprego.

As axudas deste programa poderán apoiar o financiamento de investimentos empresariais comprendidos entre os 50.000 e os 900.000 euros. Para financiar investimentos de superior contía, as empresas galegas teñen a posibilidade de acollerse ás axudas habilitadas polo Goberno do Estado a través da liña de Incentivos Rexionais do Ministerio de Facenda, xestionada en Galicia tamén a través do Igape.

Durante o pasado ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou apoiar, ao abeiro deste programa, 21 investimentos por importe de 5,2 millóns de euros que contribuirán ao mantemento de máis de 700 postos de traballo. As empresas beneficiarias corresponden principalmente ao sector industrial, incluíndo metalmecánico, madeira, granitos ou téxtil.

31 de xaneiro de 2017 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.