A Xunta defende a inclusión social das persoas con discapacidade durante a presentación do documental “Vida. Máis ca vida”

Fabiola García na presentación do documental
A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, acudiu na sede da Fundación Abanca en Santiago, á presentación do proxecto audiovisual “Vida. Máis ca vida”, dedicado ás persoas con capacidades diferentes, e co que colaborou a Xunta de Galicia. O proxecto, dirixido por Rubén Riós, está protagonizado por Óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro –ambas persoas con discapacidade intelectual-, e conta coa participación dun colectivo de persoas con capacidades diferentes, así como coa de recoñecidos intérpretes galegos.
“Vida. Máis ca vida” recolle dende un enfoque realista e natural todo aquilo que de xeito indirecto contribuíu á creación da curtametraxe “Vida” –que amosa as vidas de dúas familias unidas polo destino a través de sendos membros das mesmas con discapacidade intelectual-. Recolle, ademais, as testemuñas de persoas con distintas capacidades, así como os ensaios do colectivo, onde se comproban as inquedanzas e alegrías que supuxo esta rodaxe para os discapacitados que participaron nel. O equipo artístico da curtametraxe complétano numerosos actores e actrices galegos, entre os que destacan Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Luis Iglesia ou María Mera entre outros.
Tras o visionado do documental, Fabiola García, quixo agradecer ao director da peza, en especial ás persoas discapacitadas que traballaron na rodaxe, o traballo realizado, dado que “representan o mellor exemplo de que este colectivo é capaz de traballar arreo en calquera ámbito”, indicou a titular autonómica. “’Máis ca vida’ é unha fiestra ao día a día de persoas como Óscar e Mónica que servirá para achegalo ao día a día dos espectadores a través da concienciación de que todos debemos traballar para conseguir a plena inclusión na sociedade das persoas con diferentes capacidades”, engadiu a directora xeral.
O documental proxectarase nas sedes de Afundación en Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense para o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. Ao remate da sesión, os estudantes terán a oportunidade de dialogar co director e cos protagonistas da peza audiovisual.
Aulas I+I
A directora xeral explicou que a Consellería de Política Social “coñece o traballo de Rubén Riós dende hai tempo e dende o primeiro momento quixo aproveitar ese traballo para visibilizar as capacidades diferentes que temos as persoas”. Deste xeito, Fabiola García indicou que “Vida. Máis ca vida” é un dos piares sobre os que a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade construíu o seu proxecto “Aulas I+I: aulas inclusivas e igualitarias” e que forma parte do Plan Proxecto para o presente curso escolar que oferta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. “A finalidade de Aulas I+I é prestar atención á inclusión e á igualdade das persoas con discapacidade na escola e facer da escola un medio de colaboración e coordinación das políticas sociais”, declarou a titular autonómica.
Este programa desenvolverase en 5 centros escolares públicos nos que se sensibilizará ao alumnado sobre a situación das persoas con capacidades diferentes e os obxectivos son producir un cambio metodolóxico nas aulas, que dea cabida a todo o alumnado; formar ao profesorado nos procesos de igualdade e dereitos das persoas con discapacidade e coñecer experiencias escolares inclusivas de éxito na escola.











