publicidade hoxe

A Xunta de Goberno Local de Ames adxudica as obras de reparación e acondicionamento do cemiterio municipal dos Batáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O goberno municipal vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a adxudciación das obras de reparación e o acondicionamento do cemiterio municipal dos Batáns. Este proxecto, que foi adxudicado á empresa COPCISA, ten un custo de 252.041,95 euros e será sufragado con cargo ao Plan de Aforro e Investimento 2016 da Deputación da Coruña. O prazo de execución estimado para os traballos é de 3 meses. 

A apertura do cemiterio municipal dos Batáns está máis próxima despois de que a Xunta de Goberno Local adxudicara esta mañá as obras de reparación e acondicionamento das instalacións. A previsión é que as obras podan estar rematadas cara os meses de verán, unha vez se asine o contrato e comecen os traballos.

O cemiterio dos Batáns está feito e recibido desde o 29 de xaneiro do 2010. Pero por mor dunhas deficiencias observadas e da posterior demanda do Concello, nunca chegou a abrirse ao público. Ao consecuente deterioro provocado pola falta de uso durante estes anos, súmanse os danos ocasionados polos diversos actos de vandalismo dos que foi obxecto a instalación en varias ocasións. No mes de agosto de 2015, e mentres se buscan vías de financiamento, a Brigada Municipal de Obras fai tarefas de roza e limpeza, ao tempo que o Concello decide poñer vixilancia para rematar cos actos de vandalismo. A finais dese mesmo ano apróbase en sesión plenaria incluír as obras no PAI de 2016. O pasado mes de maio a Deputación da Coruña aproba o PAI e no mes de xullo llo comunica oficialmente ao concello.

A intención do goberno municipal é que as obras de acondicionamento e reparación do cemiterio comecen canto antes. O seguinte paso será a aprobación da ordenanza que regule as tarifas que se apliquen pola venda de nichos e panteóns, tema no que xa se está a traballar. De cumprirse os prazos previstos polo Concello, o Cemiterio Municipal dos Batáns abrirase durante o próximo verán.

O goberno xa anunciou ao comezo deste mandato que a xestión do cemiterio será pública e, polo tanto, dependendo directamente do concello; dando así cumprimento ao acordo de investidura asinado entre as forzas políticas progresistas do concello de Ames e polo que se proclamou José Miñones alcalde.

5 de xaneiro de 2017 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.