A Xunta dá a coñecer as liñas de axudas para a promoción da igualdade na provincia coruñesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Susana López Abella na rolda de prensa con Ovidio Rodeiro. Foto: M. Fuentes

Susana López Abella na rolda de prensa con Ovidio Rodeiro. Foto: M. Fuentes

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, informaron esta mañá en rolda de prensa da nova convocatoria de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade. O Goberno galego destina a este programa un importe de 3,3 millóns de euros.

Susana López Abella incidiu en que esta liña de axudas distribúese en tres eixos de actuación:
• Programas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero (44.750,66 euros, un 51,36% máis que en 2015).
• Programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar (344.111,59 euros, un 9,4% máis que en 2015).
• Programas de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM) (2.916.071,03 euros).

A liña destinada á prevención e tratamento integral da violencia de xénero inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

A liña de axudas para programas de fomento da conciliación engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como por exemplo os bancos de tempo.

Por último, o programa de apoio aos Centros de Información da Muller ten coma obxectivo reforzar a funcionalidade destes centros e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles.

Seguindo coa estratexia establecida hai tres anos, a convocatoria do 2016 ven a reforzar a prioridade dos proxectos de xestión compartida, o que significa un incremento de puntuación, e polo tanto de subvención, para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de axudas.

Para os programas de prevención e tratamento integral violencia de xénero, se a solicitude é individual a contía máxima é de 10.000 euros e se a solicitude é conxunta (xestión compartida) a contía máxima é de 20.000 euros. Para os programas de Fomento da conciliación se a solicitude é individual a contía máxima é de 12.000 euros e se a solicitude é conxunta a contía máxima é de 22.000 euros. Para os Programas de Apoio aos Centros de Información ás Mulleres se a solicitude é individual a contía máxima é de 45.000 euros e se a solicitude é conxunta a contía máxima elévase aos 120.000 euros.

A provincia da Coruña é a que recibe máis subvención de toda Galicia, cun importe total de 1.131.970,22 euros e 42 entidades beneficiarias. Susana López Abella sinalou que se mantén “o avance no eido da cooperación e colaboración entre concellos e para a xestión compartida das actuacións e programas no eido da promoción da Igualdade no ámbito local, co convencemento de que é o modelo a seguir para garantir unha atención eficaz e eficiente á cidadanía neste ámbito de actuación”.

Este avance ten un maior reflexo no caso concreto dos servizos de atención e asesoramento que prestan os CIM, que permite atender a máis concellos, a máis territorios e a máis potenciais usuarias no ámbito local. Na provincia coruñesa a xestión compartida no ámbito dos CIM recibe un investimento total de 1.036.041,62 euros. Así, no ano 2016 no ámbito dos 29 CIM en funcionamento na Coruña participan un total de 53 concellos, 33 con xestión compartida, fronte a 20 con xestión individualizada.

Solicitante Concellos agrupados Importe

Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo 106.912,90 €
Concello de Carballo Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso 54.566,56 €
Concello de Ortigueira Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón 52.783,48 €
Concello da Coruña 45.000,00 €
Concello de Santiago de Compostela 45.000,00 €
Concello de Ames 44.000,00 €
Concello das Pontes 42.141,40 €
Concello de Ferrol 41.645,04 €
Concello de Arteixo 39.904,20 €
Concello da Laracha 38.913,78 €
Concello de Boiro 37.330,88 €
Concello de Ribeira 37.169,88 €
Concello de Zas 33.908,39 €
Concello de Teo 33.285,88 €
Concello de Muxía Dumbría 32.703,28 €
Concello de Curtis Sobrado dos Monxes, Vilasantar 31.635,18 €
Concello de Coirós Aranga, Betanzos, Oza-Cesuras, Paderne 30.567,08 €
Concello de Muros Carnota 30.199,08 €
Concello de Boqueixón Touro 28.000,00 €
Concello de Outes 28.000,00 €
Concello de Noia 28.000,00 €
Concello de Negreira 26.409,38 €
Concello de Ares 26.129,61 €
Concello de Cee Corcubión, Fisterra 24.253,76 €
Concello de Santa Comba 21.593,22 €
Concello de Padrón 21.439,68 €
Concello de Culleredo 21.109,54 €
Concello de Arzúa 19.439,42 €
Concello de Melide 14.000,00 €
TOTAL 1.036.041,62 €

O CIM da Mancomunidade de Ordes é o que máis subvención recibe de toda Galicia.

Os 11 concellos da Coruña recibirán, para programas de fomento da conciliación, subvencións por un importe total de 92.325 euros coa seguinte distribución: Melide 12.000 euros; Cambre 12.000; Dodro 12.000; A Pobra 12.000; Carral 8.843,47; Ortigueira 8.523,20; Lousame 7.944,92; Mugardos 7.896,36; Rianxo 6.694,39; Vilasantar (agrupado con Sobrado) 2.868; e Cariño 1.555,09 euros.

Por último, dous concellos da provincia recibirán subvención para Programas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, por un importe total de 3.603,6 euros. Trátase, en concreto, da Mancomunidade de Ordes (2.763,6 euros) e do Concello de Coirós (840 euros).

9 de xaneiro de 2017 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.