A Xunta convoca unha nova reunión do Comité de Seguimento do Proxecto da futura Cidade da Xustiza de Vigo
A Xunta de Galicia convocou hoxe mesmo unha nova reunión do Comité de Seguimento do Proxecto da futura Cidade da Xustiza de Vigo. Será o vindeiro mércores día 1 de febreiro, ás 10,30 horas, e celebrarase na Delegación Territorial da Xunta en Vigo. Trátase do segundo encontro que terá lugar tras a constitución do mesmo o pasado 2 de novembro.
Están integrados no mesmo tanto membros da Xunta, coma do concello e de todos os axentes implicados coma xuíces, avogados, fiscais, secretarios coordinadores, procuradores, funcionarios e arquitectos, e o gañador do proxecto, o arquitecto Alfonso Penela.
Dita reunión permitirá avanzar nun proxecto no que a Xunta de Galicia buscou a máxima participación de todos os sectores dende o primeiro momento. Na mesma, se poden facer aportacións e un seguimento constante para lograr a mellor Cidade da Xustiza para Vigo.
Así, na convocatoria indícase que, segundo o apartado 9 do prego de bases do concurso, no caso de imposibilidade de asistir ás reunións convocadas, cada un dos membros do Comité poderá ser substituído pola persoa na que delegue, agás o gañador do proxecto.
A Xunta, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, procura así cun segundo encontro a participación, implicación e o consenso de todos os axentes involucrados na rehabilitación do antigo Hospital Xeral coma futura Cidade da Xustiza de Vigo.
Dende a Xunta apostouse por rehabilitar un edificio emblemático da cidade, concentrando nun mesmo sitio todas as dotacións xudiciais da cidade, poñendo en marcha unha Cidade de Xustiza moderna, ben dimensionada, e buscando mediante o concurso de ideas a mellor solución para converter o antigo Xeral na nova Cidade da Xustiza de Vigo, contando xa dende o primeiro momento coa axuda e co asesoramento dos arquitectos da cidade, dos operadores xudiciais e do concello.
O gañador do concurso de ideas, o arquitecto vigués Alfonso Penela, apostou por respectar o carácter histórico do edificio, e facer gañar unha gran praza para a cidade, e que dispón ata marzo para ter redactado o proxecto definitivo, polo que seguindo cos prazos estipulados, a continuación, levarase a cabo a licitación e adxudicación da actuación, cun investimento que roldará os 25 millóns de euros.











