A Xunta convida aos axentes inmobiliarios de Ourense a aproveitar as oportunidades do Programa social de vivendas baleiras

Heriberto García en Ourense
A Xunta convidou hoxe os axentes inmobiliarios de Ourense a aproveitar a oportunidade que representa o Programa social de vivendas baleiras da Xunta para dinamizar o sector. O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, acompañado polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con axentes da propiedade inmobiliaria da cidade, aos que lle solicitou a súa colaboración para continuar impulsando o Programa de vivendas baleiras coa incorporación de inmobles para destinalos a alugueiro social.
Heriberto García explicou a importancia de que os profesionais do sector inmobiliario difundan entre os propietarios de inmobles os beneficios desta iniciativa coa fin de seguir incrementando a oferta de vivendas baleiras. Precisou que na actualidade na cidade de Ourense, que foi a primeira en adherirse ao Plan, existen 3 vivendas a disposición de familias con dificultades.
O Programa de vivendas baleiras, enmarcado nas 12 medidas activadas pola Xunta para evitar e paliar os desafiuzamentos, permite grazas ao convenio asinado entre o Executivo Galego e a Fegamp, destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas.
O director xeral indicou que a día de hoxe, un total de 30 concellos galegos están adheridos a este programa. Precisou que este plan pódese complementar co Bono de Alugueiro Social, outra medida da Xunta que consiste nunha axuda mensual de ata 200 euros e por un prazo máximo de tres anos para o pago do alugueiro da vivenda, ademais dunha axuda única de 600 euros para os gastos derivados da formalización de novos contratos de alugueiro.
As vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte da Consellería de Infraestruturas e sen custo para os propietarios, as seguintes coberturas:
1. Un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento.
2. Un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas, que inclúa como mínimo os honorarios de avogado e dereitos e suplidos de procurador, cando a súa intervención sexa preceptiva, gastos notariais e de outorgamento de poderes para preitos e gastos de execución procesual.











